O PSOE aposta por manter a Escola de Enfermería no Hospital Provincial e converter o antigo asilo en residencia de estudantes
Por Natalia Puga
A situación da sanidade pública en Pontevedra é, para Iván Puentes, candidato do PSOE á Alcaldía nas eleccións do próximo 28 de maio, "un dos problemas máis graves" que ten a poboación da cidade e o seu programa electoral detense en facer proposta para que o Concello poida achegar o seu gran de area a mellorar a atención sanitaria.
Dentro das súas propostas en materia sanitaria, presta especial atención á necesidade manter os usos sanitarios do Hospital Provincial tras a inauguración do Gran Montecelo. De cara a ese momento, Puentes aposta por manter a Escola de Enfermería na súa localización actual e por unha proposta que choca de cheo coas propostas neste eido do PP local.
Así, fronte á proposta do 'alcaldable' do PP, Rafa Domínguez, de habilitar no Hospital Provincial unha residencia de estudantes e reconverter o antigo asilo de Loureiro Crespo para usos sanitarios, Iván Puentes aposta por manter os usos sanitarios do Hospital e que o antigo asilo pase a ser residencia para o alumnado da Universidade de Vigo.
"A nós, a Facultade de Enfermería non nos molesta para nada no Hospital Provincial. Se a Universidade quere mantela, ten todo o sentido do mundo", valora Puentes, que engade que "o que nos parece que non cabería é o que propón o PP", en relación coa residencia no asilo.
Así, o espazo do antigo asilo sería, para o PSOE local, "un edifico marabilloso para residencia, mellor que o hospital". Ademais de ser grande e ter un xardín amplo, está xa habilitado para usos residenciais. "Sería moito máis razoable que desmantelar un hospital para poder ter unha residencia universitaria".
Puentes comprométese a colaborar coa Universidade de Vigo "ao 200%" para que conten cunha residencia que lle parece necesaria, pero critica que Domínguez "quere desmantelar o hospital coa coartada de dotar a Pontevedra dunha residencia universitaria".
O candidato socialista presentou este mércores as súas propostas sanitarias nun acto diante do Hospital Provincial. Estivo acompañado polas candidatas número 2 e número 4 da candidatura, Yoya Blanco e Paloma Castro, e tamén polos secretarios de Sanidade e de Política Social da Executiva Municipal do PSOE, Jesús Miguélez e Paloma Rodríguez Español, e os médicos Ana Moya e o ex concelleiro Chano Esperón.
Iván Puentes propón poñer en marcha unha mesa de traballo con representación das asociacións profesionais, sindicatos, colectivos veciñais e concellos da área sanitaria para determinar o seu plan de usos sanitarios. E el mesmo fai xa algunhas propostas.
Así, propón a creación dunha Unidade de Atención Temperá Municipal e a posta en marcha dunha Escola Municipal de Educación para a Saúde, que coordinará as súas accións de educación sanitaria co sistema sanitario.
Outras propostas pasan pola activación dun Instituto Municipal da Saúde, como órgano de xestión único que coordine as competencias do Concello en materia de saúde pública, promoción da saúde e asistencia sanitaria, e por elaborar un Programa de Atención Integral á Discapacidade.
As súas propostas prestan especial atención á saúde mental, que "segue sendo unha das grandes desatendidas e unha das grandes necesidades dos veciños e veciñas".
Adianta que van reclamar á Xunta o incremento dos recursos asistencias e de coidados continuados para a saúde mental e critica que o Plan de Saúde Mental post covid-19 da Xunta para 2021-2025 estaba dotado de 83 millóns de euros, pero "o que levan executado é ínfimo".
Relacionadas:
-
Os socialistas propoñen novos usos para o antigo asilo e o Provincial, creando dúas prazas públicas
Por Alejandro Espiño |
-
Un familiar do rei emérito, interesado en converter o antigo asilo nunha residencia de estudantes
Por Alejandro Espiño |
-
Hai "movementos" urbanísticos en torno ao antigo asilo de Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE propón a creación dunha Cidade do Deporte en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Iván Puentes está convencido de que "está abierta la posibilidad de un sorpasso" no goberno municipal de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O reitor rexeita "entrar en liortas políticas" polo uso do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez |
-
O Provincial, hospital ou edificio universitario? Dúas visións contrapostas chocan no pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez propón converter a antigo asilo de Loureiro Crespo nun centro sociosanitario
Por Almu Dapena |
-
A Universidade planificará nos próximos dous anos os usos que proxectaría darlle ao Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Lores sostén que o Provincial non debe perder no futuro o seu uso sociosanitario
Por Alejandro Espiño |