Avariadas dez bicicletas do Vaibike! por facer chimpos con elas ou subir unha segunda persoa ao cesto
Por Redacción
O servizo de préstamo público de bicicletas Vaibike! do Concello de Vilagarcía ten neste momento dez unidades avariadas fundamentalmente polo seu uso para fins non previstos nin autorizados.
En concreto, foron detectados varios mozos utilizando as bicis do Vaibike! no circuíto Pump Track habilitado recentemente xunto ao parque da Coca, na Florida.
Despois de facer saltos e xiros nun circuíto pensado para outro tipo de bicicletas, tipo BMX, os usuarios Vaibike! devolveron as súas bicis coas rodas, especialmente as traseiras, dobradas e con difícil ou imposible arranxo.
Ademais do uso indebido no Pump Track, tamén se teñen detectado outras conductas que ademais de irregulares son perigosas, como subir unha segunda persoa ao guiador ou mesmo ao cesto dianteiro da bici, previsto para soportar un peso máximo de 20 quilos.
O Concello de Vilagarcía advirte, por iso, que o regulamento de uso do servizo cualifica como moi graves "os actos de deterioro, abandono, perda, roubo ou furto dos equipos, infraestruturas, instalacións ou elementos do servizo".
Loxicamente, deixar inservible unha bici do Vaibike! despois de utilizala no Pump Track considérase algo "moi grave". Para estas situacións, o réxime sancionador prevé multas de ata 1.000 euros, ademais da perda da condición de usuario durante nove meses.
O Goberno local "confía" en non ter que chegar a esta situación e fai un "chamamento á responsabilidade" e ao bo uso dun servizo pensado para favorecer a mobilidade e non para practicar deportes que esixen outro tipo de bicicletas.
Lembra, neste sentido, que cando un usuario deixa inutilizada unha bicicleta, outro queda sen ela.
O executivo local celebra que a inmensa maioría dos máis de 1.000 inscritos ata agora no Vaibike! si compren coas normas, por iso lamenta aínda máis que esa maioría se vexa prexudicada "por un grupo moi reducido de mozos que demostran pouco respecto polo que é de todos".