A biblioteca pública Vidal Pazos terá unha nova cuberta para acabar coas filtracións
Por Redacción
Marín quere resolver os problemas das filtracións de auga que se dan na biblioteca pública Vidal Pazos. Para iso, o goberno municipal encargou un proxecto pensado para renovar toda a cuberta destas instalacións.
O Concello subliña que é unha actuación "moi necesaria" ante o estado actual da estrutura.
Ademais, o obxectivo é contemplar un proxecto de máis envergadura, que tamén analice o estado da envolvente do inmoble e que se poidan valorar melloras de illamento que afonden en medidas de eficiencia enerxética.
Unha vez o proxecto estea redactado, o Concello procederá a abrir a licitación. A intención é adxudicar e executar estes traballos no menor tempo posible.
A biblioteca é un espazo que actualmente é moi utilizado na súa parte baixa, onde se alberga a sala infantil e a de estudo, ambas obxecto de melloras nos últimos anos.
Tamén ten moito uso o seu primeiro andar, onde a Aula CeMit acolle cursos de formación constantes e no que está o salón de actos, no que se celebran actos culturais e sociais de todo tipo.