Lores presenta un programa "sólido e realista" para impulsar "a Pontevedra que avanza"
Por Alejandro Espiño
Abrir unha nova etapa en Pontevedra con "novos retos e propostas, con ilusións renovadas e con fresca e entusiasta paixón por gañar o noso futuro". Ese é a filosofía do programa electoral co que o BNG se presenta ás eleccións municipais do próximo 28 de maio.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que opta a un sétimo mandato consecutivo, debullou este sábado as principais medidas que recolle este compromiso coa cidadanía e que, segundo destacou, supón unha "base moi sólida para avanzar".
Ante o centenar de persoas que acudiron á Sala Tangram, en Rosalía de Castro, Fernández Lores defendeu que o programa do BNG é "rigoroso" e está afastado do que denominou o "política espectáculo", apostando por solucións "adaptadas á nosa realidade".
"Fronte a candidaturas das que unhas propoñen frear o avance e desviar o modelo cara camiños diferentes e contraditorios e outras dar abertamente unha volta atrás, o BNG propón máis modelo Pontevedra e máis avanzar cara o futuro", sostivo o candidato nacionalista.
Todas as iniciativas que o BNG incluíu nesta declaración de intencións, segundo Lores, están deseñadas para converter a Pontevedra "en capital de futuro", un futuro que ao seu entender debe ser "de alta calidade, verde, dinámico e integrador".
Así, avanzou a súa aposta por elevar "cada vez máis" a calidade de vida urbana e rural, para o que ve "prioritario" a reforma integral da fachada marítima e fluvial, os eixos entre Eduardo Pondal e Echegaray e entre Andrés Muruais e Riestra, os barrios de Campolongo, A Moureira, O Burgo ou Monte Porreiro ou os núcleos de Ponte Sampaio, Santa María de Xeve e Verducido.
Lores chamou ademais a "explotar" o dinamismo social, económico, cultural e deportivo da cidade, mellorar os mecanismos de participación veciñal, facer de Pontevedra un "referente" no tratamento dos residuos ou a recuperación da ría e estimular a "explosión de creatividade" que se está rexistrando na cidade serán outros dos ámbitos de traballo.
Recuperar a Bienal de Arte, impulsar o novo pavillón da Parda e o especializado en tenis de mesa de Monte Porreiro, a rehabilitación do Pazo ds Cultura e do Teatro Principal, a recuperación da Xunqueira de Ponte Sampaio ou revitalizar o mercado de abastos figuran tamén entre os compromisos do alcalde.
A iso sumou a aspiración de converter o Museo de Pontevedra "non que sempre debeu ser", o Museo Nacional de Galicia; ver Santa Clara, a ría ou a Xunqueira de Alba "a pleno rendemento"; ou o impulso á variante de Alba, o vial de Mollavao, o nó de Bombeiros ou o paseo a Marín.
O programa electoral do BNG, que recolle todas as medidas concretas que queren impulsar no próximo mandato, pódese consultar na súa páxina web.
Relacionadas:
-
O delegado de Zona Franca promete ampliar o polígono de O Campiño se Iván Puentes é alcalde
Por Manu Otero |
-
Compromiso do BNG para converter o Museo de Pontevedra no Museo Nacional de Galicia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores visita O Rañadoiro para reunirse coa veciñanza e comprobar o remate de varias obras municipais
Por Redacción |
-
A Moureira, o eixo do BNG para recuperar a fachada marítima entre Bos Aires e Rosalía de Castro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un auditorio ao aire libre no Miradoiro, proposta estrela do BNG para Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Lores avisa os integrantes da súa candidatura: "os inimigos de Pontevedra son moi poderosos"
Por Redacción |
-
Recuperar a bienal de arte e centrala na creación e o deseño, primeira iniciativa electoral do BNG
Por Manu Otero |
-
Lores apela a quen "quere a Pontevedra" ante o "grande reto" de que a cidade avance "con rumbo certo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |