A condutora de Vilanova, negativo en alcol e drogas e identificada por danos e lesións por imprudencia
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para aclarar todas as circunstancias que rodean o atropelo múltiple rexistrado na noite do domingo en San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa.
De momento, xa identificou á condutora que levaba o vehículo Smart e, en principio, atribúelle os delitos de danos e lesións por imprudencia.
A muller foi sometida ás probas de consumo de alcol e drogas e deu negativo en todas as probas.
Trátase de Digna Diaz Oubiña, de 81 anos e coñecida en Vilanova de Arousa por ser a esposa de Luís Falcón, 'Falconetti', un histórico do contrabando de tabaco e do narcotráfico. El, de 82 anos, tamén ía no coche, como acompañante.
O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, cualificou os feitos como "desgraciado accidente". Por causas que aínda se descoñecen, pero que, en todo caso, foron un accidente, o vehículo Smart se e escapou. Queda por determinar si se debeu a un fallo mecánico ou a un descoido.
"Está claro que é un accidente, sen ningunha intencionalidade", explica Gonzalo Durán, que tamén recoñece que "podía ser moito peor".
O matrimonio estaba a seguir a actuación da orquesta París de Noia desde o coche e, cando quixeron manobrar para abandonar o recinto, perdeu o control do coche e acabou na carpa.
O vehículo arremeteu contra un dos alicerces da carpa e derrubouno, mentres que o resto da estrutura quedou en pé. "A carpa non caeu, só o alicerce contra o que impactou o coche", explicou o alcalde.
Desde o Concello de Vilanova tamén insisten en que a comisión de festas de San Miguel de Deiro "cumpría con todas as condicións de seguridade" e o espazo estaba valado.