O menor ferido no atropelo de Vilanova, "estable dentro da gravidade" tras ser operado
Por Redacción
Catro das dezaoito vítimas do atropelo múltiple rexistrado o pasado domingo nunha verbena que se celebraba en Vilanova de Arousa continuan hospitalizadas, segundo informou o Servizo Galego de Saúde.
O menor ingresado no Hospital Clínico de Santiago, onde chegou cunha hemorraxia abdominal, foi intervido cirurxicamente nas últimas horas, aínda que "permanece estable dentro da gravidade", sinalan desde a autoridade sanitaria.
A mesma evolución rexistran as dúas persoas que están na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e do Hospital Montecelo de Pontevedra, esta última unha muller de 66 anos que sufriu un politraumatismo de carácter grave.
A cuarta das vítimas hospitalizadas, que se atopa no Hospital do Salnés, segundo o seu parte médico, presenta unha "evolución clínica favorable".
Nas últimas horas, os médicos deron a alta a unha quinta persoa que tamén estaba hospitalizada, neste caso en planta do hospital de Pontevedra, un home de 27 anos que sufriu unha luxación de rótula no atropelo.