Detido tras roubar un casco, colonia e un móbil do interior dunha furgoneta
Por Oskar Viéitez
Un teléfono móbil, unha caixa cun casco de bicicleta no seu interior e dous frascos de colonia é o curioso botín intervido por axentes da Policía Nacional a un mozo veciño de Pontevedra, de 21 anos de idade, con antecedentes policiais, detido como presunto autor dun delito de roubo con forza en interior de vehículo. Os feitos sucederon na madrugada deste xoves, día 8 de xaneiro sobre as 04.30 horas, na rúa Rodríguez Seoane.
Segundo informan fontes da Policía Nacional os axentes encontrábanse de patrulla cando un individuo ao detectar a presenza policial tratou de abandonar o lugar a toda velocidade tras depositar no chan o que parecía unha caixa. Os policías procederon á súa identificación e tras preguntarlle polos obxectos que portaba non puido acreditar a súa procedencia.
Ademais os axentes comprobaron que no acceso ao portal dun garaxe próximo se encontraba estacionada unha furgoneta que presentaba a xanela de atrás forzada e a porta do condutor aberta.
A través da Sala do 091 localizouse o propietario do vehículo que confirmou aos axentes que os obxectos se encontraban no interior da furgoneta e eran da súa propiedade. Os axentes tras constatar a existencia de indicios racionais da comisión do ilícito e da participación do identificado, procederon á súa detención, trasladándoo á Comisaría.
Os efectos subtraídos foron entregados ao seu lexítimo propietario polos axentes. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra.