A empresa Idades renova outros catro anos a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar en Pontevedra
Por Redacción
Unha vez analizado o informe emitido pola asistencia técnica sobre as ofertas presentadas, a Mesa de Contratación do Concello adoptou a decisión de propoñer a adxudicación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Idades SL, firma que xa o está a prestar na actualidade e que fixo a oferta cunha mellor relación calidade-prezo.
Entre os criterios que levaron a Idades a obter a maior puntuación de entre as catro propostas plantexadas (tamén aspiraban a facerse co contrato Aralia Servicios Sociosanitarios SA, Caser Residencial SAU e Osventos Innovación en Servicios SL), o órgano municipal valorou o prezo ofertado (19 euros por hora), a dotación de dispositivos de teleasistencia (250) e as horas gratuítas (7.730), limpezas de choque (300), limpezas xerais anuais de cristais, alfombras e cortinas (300) e servizos anuais de lavandería fóra do domicilio (600), así como a disposición de medios técnicos (cadeiras de rodas, guindastres e camas articuladas) e a posesión do certificado UNE 158301:2015 (de Servizos para a promoción da autonomía persoal e a xestión do servizo de axuda a domicilio).
O novo contrato permitirá ofrecer unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra o que supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual.
Terá unha vixencia de 4 anos e licitouse cun orzamento base de 12.270.046 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano, fronte aos 1,4 millóns do vixente.
O actual contrato vaise prorrogar até final de mes coa intención de que a nova adxudicación entre en vigor a partir de xuño.
A través do SAF, o Concello de Pontevedra atende a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecta significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias, e mesmo a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal sobrevidas, como por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.
O SAF de Pontevedra presta servizo nestes momentos a unhas 200 persoas, a meirande parte das mesmas maiores dependentes.
Ao facer o promedio dos últimos anos de prestación, compróbase que o Concello de Pontevedra estivo asumindo o 21,85% do custe do SAF de Dependencia (persoas que teñen un recoñecemento de dependencia) e a Xunta un 64,53%, cubrindo os usuarios un 13,62% do mesmo, mentres que ao efectuar o mesmo cálculo para o SAF Básico ou de Libre Concorrencia (persoas que non teñen a valoración de dependencia ou que aínda non teñan recoñecido o dereito efectivo a un servizo ou prestación do catálogo de Dependencia, así como unidades familiares cuxa problemática principal estea vencellada con aspectos convivenciais e socioeducativos), verifícase que o Concello está a asumir case un 80% do custe, a Xunta unicamente o 12,4% e os usuarios o 8,49% restante.