Aberto ao público o novo parque infantil de Rosalía de Castro
Por Redacción
Desde esta semana xa está aberto ao público o novo parque infantil de Rosalía de Castro, emprazado nas proximidades de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, logo de que rematasen os traballos de renovación e mellora destas instalacións.
A actuación incluíu a dotación dunha cuberta, de xeito que esta zona de esparexemento poida ser utilizada tamén cando as condicións meteorolóxicas non acompañen, en caso de choiva e tamén garantindo sombra en períodos soleados e con altas temperaturas.
Os traballos financiáronse a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022. O orzamento total ascendeu a preto de 180.000 euros.
Esta actuación, que foi executada pola empresa ASAI Ingeniería, serviu para aplicar, a maiores da colocación da cuberta, novos elementos de xogo para crianzas de diferentes idades. As obras comezaron o pasado mes de febreiro e contaban cun prazo de execución de cinco meses.
A maiores, nos últimos días tamén se procedeu a efectuar reparacións e melloras na área de lecer situada na praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Alí, o parque infantil pasa a contar cun novo valado de madeira. Reparáronse os aparellos que se precisaban e tamén se actuou na fonte do lugar, ademais de renovar sinalización.