O Concello ofrece o seu apoio ás comunidades de montes afectadas polo Parque Eólico Serra da Fracha
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto cos edís Alberto Oubiña e Raimundo González, ademais da técnica de Montes, María Formoso, e o director xeral, Xosé Manuel Tato Camino, mantivo unha reunión este martes cos representantes das comunidades de montes de Marcón, Canicouva e Ponte Sampaio (a de Tomeza desculpou a súa ausencia por incompatibilidades laborais), tendo como principal obxectivo ofrecer toda a colaboración posible desde o Concello de Pontevedra durante o proceso de alegación pública do Parque Eólico Serra da Fracha.
Este parque eólico, que se situaría no monte da Fracha, afecta ás comunidades lindantes e ao Parque Forestal que o Concello acondicionou neste monte.
"Desde o Concello consideramos que cómpre elaborarse unha estratexia de País no relacionado coa enerxía eólica", sinalou o rexedor.
Lores considera necesario establecer mecanismos desde as administracións competentes, Xunta e Estado, "para asegurar un correcto aproveitamento e ordenación do monte e evitar macroconstrucións sen ton nin son que só benefician os petos duns poucos e prexudican á veciñanza da zona".
O alcalde lembrou que o Concello presentará as súas alegacións contra este proxecto ao "bater contra a liña de flotación do Parque Forestal da Fracha, poñendo en risco as plantacións e prexudicando a fauna e a flora de toda a zona".
Ademais, a administración local comprométese a axudar á resolución de calquera dúbida por parte das comunidades de montes no proceso de presentación de alegacións, poñendo a disposición das mesmas todos os recursos municipais posibles.
Relacionadas:
-
O Concello de Ponte Caldelas e a Comunidade de Montes de Baltar irán da man contra o Parque Eólico Serra da Fracha
Por Redacción |
-
O PP non se une ao rexeitamento da corporación á "invasión eólica" nos montes de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ponte Caldelas e Pontevedra, en garda ante a "barbaridade" dun novo parque eólico na Fracha
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Andaina para comprobar as consecuencias que tería a creación de parques eólicos na zona da Fracha
Por Redacción |