Desactivan un artefacto explosivo que apareceu nunha praia de Sanxenxo
Por Redacción
Un equipo especializado da Garda Civil desactivou un artefacto explosivo oxidado que apareceu en Sanxenxo. A granada, que estaba nunha zona rochosa, atopábase incrustada nunha área de difícil acceso, nas inmediacións de Punta Faxilda.
Un particular foi o que atopou o artefacto e alertou ao 112 Galicia. Foi ás cinco da tarde de onte martes, segundo informan desde o centro de atención a emerxencias.
Esta persoa, que estaba nunha praia de Noalla, explicou que estaba a ver o que pensaba que era un artefacto explosivo oxidado, que evidenciaba o paso do tempo.
Para garantir a retirada do dispositivo en condicións de seguridade, acudiron á zona axentes da Garda Civil e da Policía Local de Sanxenxo.
Ademais, foi informada a Unidade de Policía Adscrita de Galicia.
Os especialistas da Garda Civil que se encargaron das tarefas de retirada do explosivo víronse obrigados a acceder por mar ata o lugar onde se atopaba a granada, que foi finalmente desactivada con éxito.