
© Mónica Patxot
O Goberno insiste na súa colaboración "sempre que sexa preciso" coa Audiencia Nacional para investigar o naufraxio

Por Natalia Puga
O Goberno central saíu ao paso este xoves á polémica xurdida nas últimas horas pola saída do buque que inspeccionará o pecio do Villa de Pitanxo en Terranova sen autorización xudicial. Fíxoo a través da ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, de visita en Ferrol, e da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
Sánchez remitiu calquera pregunta sobre a partida do buque este mércores á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), organismo autónomo dependente do Ministerio de Transportes, por ser os responsables de ordenar o inicio da expedición.
Desde o ministerio, segundo explica o seu titular, "desde o primeiro momento" mostraron a súa "colaboración total e absoluta coa Audiencia Nacional", que ten o tema xudicializado por 21 posibles delitos de homicidio por imprudencia e mantén como investigados ao patrón e a armadora do barco, Juan Padín e Pesqueiras Grupo Nores. Avanza que "vai colaborar sempre que sexa preciso coa Audiencia Nacional".
Neste proceso da baixada ao pecio, o ministerio "participou só asumindo o custo da contratación do robot" e "cumprimentamos os requirimentos, a petición de colaboración que se fixo por parte da Audiencia Nacional".
Nun acto en Ferrol, engadiu que o seu obxectivo é que ese labor de investigación "se desenvolva con éxito e que a autoridade xudicial, as familias e as partes do procedemento consigan todas as probas que sexan precisas e axuden a esclarecer os feitos".
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a preguntas dos medios en Pontevedra, que "o Goberno cumpriu, montou o procedemento administrativo que permitiu que o operativo de saída do barco sexa posible" e que enviou ao xulgado toda a documentación requirida, xa o día 10 e de novo esta semana.
Segundo explicou, autorizouse a saída do barco porque "desde o punto de vista administrativo non había ningún inconveniente" e que a Delegación do Goberno en Galicia comunicou este mércores ás familias a partida do barco.
Lembrou, ademais, que no barco van tres peritos, un deles xudicial, e que ao outro perito xudicial da Audiencia Nacional, que non se incorporou, hoxe en día poderían poñerse medios á súa disposición para que chegue ata Terranova.
Relacionadas:
-
O Ártabro identifica o pecio atopado en Terranova como o Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
“Esperanza” entre as familias ao localizar o buque Ártabro unha estrutura na zona do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
A expedición ao Villa de Pitanxo esperará en Terranova aos peritos autorizados polo xuíz
Por Redacción |
-
O xuíz que investiga o naufragio do Villa de Pitanxo pide explicacións ao Goberno por non cumprir as súas ordes
Por Alejandro Espiño |
-
Reaccións contra o goberno de Sánchez polas "irregularidades" na operación para localizar o Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
A CIAIM ordenou a partida do barco que baixará ao pecio e prevé o regreso a finais de xuño
Por Natalia Puga |
-
As familias esixen ante o xuíz o regreso do barco que inspeccionará o Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Juan Manuel García Tajes |
-
Parte de Vigo o barco que investigará o naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
O barco que buscará os restos do Villa de Pitanxo, "dispoñible" para saír e aínda sen data de partida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |