Este sábado comeza a primeira ruta de ioga e sendeirismo de 'Re-conectando con Pontevedra'
Por Redacción
O Pontillón do Castro en Verducido será o punto de encontro desde onde partirá a primeira ruta de ioga e sendeirismo prevista para este sábado 20 dentro do programa 'Re-conectando con Pontevedra'.
A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, propón varios roteiros en diversas parroquias de Pontevedra coa intención de que as persoas participantes se acheguen á natureza da contorna urbana.
As cinco sesións iniciaranse ás 10.00 e finalizarán ás 14.00 horas e é necesario inscribirse previamente. As reservas realizaranse por orde de inscrición.
A seguinte convocatoria será o 3 de xuño coa ruta de Miradoiros e monte da Fracha; o 10 de xuño, o percorrido realizarase pola senda do Lérez; o 17 de xuño, o protagonista será o parque forestal da Tomba en Campañó; a senda do río Gafos centrará a sesión do 18 de xuño; e o programa finaliza cun roteiro a través da senda do río Almofrei en Bora o 25 de xuño.
Os espazos nos que se practicará ioga seleccionaranse atendendo á ruta, adaptándose ás idades e niveis do grupo.
Os equipos estarán formados por un máximo de vinte persoas con idade mínima de 16 anos, aínda que os menores poderán apuntarse se acoden acompañados por unha persoa adulta. As inscricións poden realizarse a través dos teléfonos e correos electrónicos das monitoras: 629 64 25 42/ erikataracido@hotmail.com e 620 96 20 48 / myriamvp_88@hotmail.com