Así imaxinan os futuros arquitectos unha ría sen a fábrica de ENCE
Por Redacción
Propostas "razoables e moi ambiciosas". Así describen desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña o proxecto deseñado por medio centenar dos seus alumnos para imaxinar unha ría de Pontevedra sen a presenza da fábrica de Ence.
Os resultados deste traballo, que contou coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), presentáronse no Teatro Principal.
O proxecto dos alumnos desta escola, de ata oito nacionalidades diferentes, partiu da necesidade de achegar alternativas de uso deste espazo. Cifra en case 100 millóns de euros o investimento necesario para renaturalizar este enclave da ría de Pontevedra.
A actuación proposta supoñería a plantación de máis de 1.500 árbores, a creación de 1,5 quilómetros de praias e humidais, un paseo de máis de 5 quilómetros de extensión e a recuperación dunhas 30 hectáreas de terreo para bancos marisqueiros.
As obras, que terían un prazo de polo menos 15 anos divididos en varias fases, comezando polo desmonte da factoría e a descontaminación do solo minimizando os movementos de terras, ocuparían a unhas 600 persoas, segundo os cálculos recolleitos neste estudo.
Na súa presentación, o profesor Jorge Rodríguez, responsable da materia de Paisaxe e Hábitat Sostible, sostivo que este estudo enmárcase nun "proxecto de aprendizaxe e servizo" cuxo obxectivo é contribuír á sociedade "achegando solucións a un problema real".
"A idea de partida é recuperar todo o que se poida", precisou Rodríguez, aínda que recoñeceu que "volver ao estado previo non é factible".
Relacionadas:
-
Ence iniciará o domingo a súa parada técnica anual, que se prolongará ata o 5 de xullo
Por Redacción |
-
Ecoloxistas en Acción pon unha bandeira negra á sentenza do Supremo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A APDR non renuncia a súa "loita" e convoca unha nova "Marcha contra Celulosas"
Por Oskar Viéitez |
-
Alumnado de Arquitectura estudará tres espazos urbanos de Pontevedra para propoñer melloras
Por Redacción |