Ecoloxistas en Acción pon unha bandeira negra á sentenza do Supremo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ecoloxistas en Acción presentou este mércores en Pontevedra o seu informe Bandeiras Negras 2023, co que saca á luz os que, ao seu xuízo, son "os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental das costas do Estado español" destacando que un dos maiores problemas que se identifica no informe é a "turistificación e urbanización" do litoral.
Como cada ano desde 2005, outorgáronse un total de 48 Bandeiras Negras, 6 delas en Galicia, nas que destacan o "estupor" causado polo ditame do Tribunal Supremo prorrogando a concesión da fábrica de ENCE na ría de Pontevedra ou a designación como praia canina ao areal da Calzoa, por parte do Concello de Vigo "sen prever o grave impacto ambiental que se xerou".
Este colectivo ambientalista sinala que pasear con cans por contornas naturais converteuse nunha actividade moi popular en todo o mundo, pero "expón unha serie de problemáticas ambientais e desafíos que deben ser abordados de maneira responsable por parte das administracións e da sociedade".
Segundo manifestou Ana Pascual, portavoz de Ecoloxistas en Acción, "numerosos estudos científicos" evidencian o "elevado impacto que o paseo con cans causa sobre a fauna litoral", e engadiu que "os efectos negativos desta actividade cuantifícanse moi por encima do resto de tipos de molestias analizadas".
Ademais, este ano Ecoloxistas en Acción reitera bandeiras a "atentados ecolóxicos que parecían en vías de solucionarse", como o caso da prórroga da concesión á fábrica de ENCE na ría de Pontevedra no que "o Tribunal Supremo fallou a favor da pasteira, a pesar dun ditame xudicial previo da Audiencia Nacional ratificando o fin da concesión".
RESPOSTA DE ENCE
Ence lamenta que a organización Ecoloxistas en Acción considere que a súa fábrica de Pontevedra poida representar unha "bandeira negra".
Nun comunicado de prensa a Dirección da empresa pasteira sinala que "a actividade desta instalación é plenamente sostible e mellora holgadamente as esixencias ambientais da súa Autorización Ambiental Integrada. Así o demostra o feito de que a Ría de Pontevedra conte con 28 bandeiras azuis da UE (6 delas, nas inmediacións da biofábrica), así como a rica actividade de marisqueo que se realiza na mesma".
Ademais, apuntan que a axencia de ESG Sustainalytics acaba de identificar a Ence como a empresa máis sostible do seu sector a nivel mundial. E engaden que a factoría de Lourizán conta con outros recoñecementos ambientais, como a ecoetiqueta dos países nórdicos, Nordic Swan, a Medalla Oro da Comisión Europea pola súa mellora ambiental e o certificado "Residuo Cero" de Aenor; a biomasa que emprega, ademais, dispón do certificado “Sure”, que avala a súa sustentabilidade.
"En calquera caso, desde Ence seguimos e seguiremos comprometidos coa sustentabilidade e coa nosa contorna, e seguiremos tamén a traballar para transmitir e visibilizar ese compromiso a todos os colectivos, incluídos aqueles que son máis críticos a biofábrica", conclúen.
Relacionadas:
-
O Supremo confirma a permanencia de Ence ao rexeitar os incidentes de nulidade do Concello e o Estado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Así imaxinan os futuros arquitectos unha ría sen a fábrica de ENCE
Por Redacción |
-
O Estado tamén pide a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence
Por Oskar Viéitez |
-
O beneficio de ENCE duplícase tras a sentenza do Supremo que garante a permanencia da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez |