O Estado tamén pide a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence
Por Oskar Viéitez
A Avogacía do Estado presentou dous incidentes de nulidade ante o Tribunal Supremo para que deixe sen efecto as sentenzas ditadas o pasado 7 de febreiro, que confirmaron a validez da prórroga da concesión da fábrica de Pontevedra ata o ano 2073. Así o desvelou o propio presidente de Ence, Ignacio de Colmenares no transcurso da xunta xeral de accionistas celebrada este venres.
Do mesmo xeito que fixese o Concello de Pontevedra, a Avogacía do Estado tamén reclama ao Supremo que devolva o caso á Audiencia Nacional.
Seguindo os mesmos argumentos que os esgrimidos polo bufete de avogados coruñés contratado polo Concello de Pontevedra, a Avogacía do Estado tamén esixen que se xulguen polo menos cinco argumentacións do recurso do Concello que non foron desenvoltas nas resolucións ditadas ata o de agora.
Tamén solicita a nulidade da sentenza por "vulneración do dereito a unha tutela xudicial efectiva", o que habilita unha vía cara a un posible recurso ante o Constitucional ou ante o Tribunal de Estrasburgo por atentar contra un dereito fundamental.
Cabe lembrar que foi a Avogacía do Estado a que en marzo de 2019 achandouse na defensa da prórroga de Ence unha manobra que o Tribunal Supremo considerou que lle impedía seguir persoada no procedemento pero que os letrados da Administración central sinalan como unha vulneración dun dereito fundamental.
A empresa e o resto das partes implicadas no procedemento dispoñen de prazo ata o vindeiro martes para alegar contra estes incidentes de nulidade.
Se o Supremo admite os recursos do Concello e da Avogacía do Estado o caso Ence regresaría á Audiencia Nacional pero se son rexeitados só quedaríalles recorrer ao Constitucional.
Ignacio de Colmenares considera que "lo previsible" é que o Supremo desestime todos os recursos, polo que a causa acabaría no Tribunal Constitucional.
O CEO da compañía pasteira considera que existe seguridade xurídica suficiente como para que Ence afronte o futuro con numerosos proxectos en carteira.
Na área de negocio da celulosa, teñen previsto levar a fábrica Pontevedra a cotas de "máxima eficacia" para seguir mellorando a súa sustentabilidade e especializala na produción de celulosa libre de cloro de alta calidade. Ademais completarán a iniciativa "Navia excelente" para converter á planta asturiana no eixo no que sustentarán esta aposta por "diversificar" os seus produtos coa fabricación de celulosa "fluff" (produtos hixiénicos e absorbentes) así como a creación de materiais sostibles substitutos do plástico nas embalaxes. E ten en marcha os estudos de enxeñería para construír a planta das Pontes de papel tisú.
Relacionadas:
-
Lores, tras a decisión do Supremo: "o Concello vai a seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría"
Por Natalia Puga |
-
O Supremo confirma a permanencia de Ence ao rexeitar os incidentes de nulidade do Concello e o Estado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Ence iniciará o domingo a súa parada técnica anual, que se prolongará ata o 5 de xullo
Por Redacción |
-
Ecoloxistas en Acción pon unha bandeira negra á sentenza do Supremo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A APDR non renuncia a súa "loita" e convoca unha nova "Marcha contra Celulosas"
Por Oskar Viéitez |
-
O beneficio de ENCE duplícase tras a sentenza do Supremo que garante a permanencia da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG pregunta en Europa polo procedemento de infracción aberto a España que afecta á concesión de Ence
Por Redacción |
-
A APDR acode á Unión Europea contra a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Un equipo liderado por un ex ministro de Zapatero asume a loita xudicial do Concello contra ENCE
Por Alejandro Espiño |