Lores, tras a decisión do Supremo: "o Concello vai a seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría"
Por Natalia Puga
A decisión do Tribunal Supremo de rexeitar os incidentes de nulidade presentados polo Concello de Pontevedra e a Avogacía do Estado contra a sentencia que concede a permanencia de Ence en Lourizán ata 2073 non fai que o Goberno pontevedrés se mova da súa pretensión de que a factoría deixe a Ría de Pontevedra.
Este martes, despois de coñecer esta última decisión do Supremo, o Concello asegurou que xa estuda o seguinte paso xudicial para seguir loitando contra a permanencia de Ence na ría e en Lourizán.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, está seguro de que "hai cidadáns preocupados e desacougados" e quixo trasladar a toda a poboación que "manteñan a confianza en que o Concello vai seguir loitando por todas as vías posibles para recuperar a ría".
"Temos dereito a reubicar a industrias que están en dominio público e tamén preto de núcleos importantes de poboación", sinalou Lores, que está convencido, "e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente. É a nosa obriga deixar aos novos fillos e netos un planeta mellor".
O Concello de Pontevedra recibiu na tarde deste martes o auto do Tribunal Supremo, que é contrario aos intereses municipais, tal e como foi a sentenza. Unha vez recibido, desde o Goberno local queren deixar claro que a resolución era "previsible" e incluíase xa dentro da folla de ruta xudicial elaborada polo Concello, da man dos servizos xurídicos municipais.
Desde o Concello sinalan que o auto omite por completo as dúas cuestións que alegaban no seu incidente de nulidade: falta de resposta ás peticións contidas na demanda e vulneración da tutela xudicial.
Ante esta situación, o Concello xa estuda posibles accións adicionais ao respecto deste auto, e con carácter previo á presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional e, de ser o caso, o inicio da vía xudicial europea.
Relacionadas:
-
Ence admite perdas de 4,2 millóns de euros no primeiro semestre de 2023
Por Redacción |
-
O Concello solicitará o amparo do Tribunal Constitucional por "denegación técnica de xustiza" no caso Ence
Por Anxo Lourido |
-
Para Rafa Domínguez é "inaceptable" que se utilicen fondos públicos para continuar as accións xurídicas contra Ence
Por Oskar Viéitez |
-
Lores "agradece" ao Supremo a súa "axilidade" porque abre ao Concello a vía para recorrer a prórroga de ENCE ante o Constitucional
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Supremo confirma a permanencia de Ence ao rexeitar os incidentes de nulidade do Concello e o Estado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O Estado tamén pide a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence
Por Oskar Viéitez |
-
Un equipo liderado por un ex ministro de Zapatero asume a loita xudicial do Concello contra ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello presenta un "incidente de nulidade" para que a sentenza de ENCE volva á Audiencia Nacional
Por Oskar Viéitez |