28M | Gregorio Agís presenta 132 iniciativas transformadoras para Poio co aval da súa xestión
Por Oskar Viéitez
"O que funciona" é o lema de campaña elixido por Gregorio Agís para presentar unha candidatura e un programa co que aspira a ser o primeiro alcalde socialista de Poio.
É un lema intencionadamente tan ambiguo que tanto podería ser interpretado como unha mensaxe fronte aos seus adversarios do Partido Popular como servir para diferenciarse do BNG. Os seus socios no goberno local, ata o de agora.
Con todo pouco fala Agís dos seus adversarios nesta cita electoral. Durante os corenta e pico minutos de charla co candidato as mencións a outros partidos sempre foron forzadas polas preguntas do xornalista. Gregorio Agís fai valer máis a súa formación como arquitecto que a súa dedicación á política para falar de "proxectos e actuacións que garantan que Poio siga medrando e modernizándose".
"O que funciona" tamén pretende destacar que "todos os proxectos importantes impulsados desde o Concello levan o selo de Gregorio e pasaron polas súas mans" tal e como lembran os seus compañeiros na candidatura e citan nomeadamente o convenio con Sanxenxo e Acuaes para ampliar a EDAR de Paxariñas ou as negociacións con Defensa para a transferencia da Illa de Tambo, a obtención de 6,5 millóns de fondos europeos, a recuperación de núcleos tradicionais e a rehabilitación do Palacete de Besada. "Son exemplos de xestión é ou noso aval", apunta Agís.
Pero, ademais do repaso aos logros conseguidos durante o último mandato, o programa do PSOE inclúe ata 132 "iniciativas transformadoras".
A primeira acción á que se compromete o PSOE se goberna en Poio é a avanzar no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que pretende aprobar inicialmente no primeiro ano de mandato. "Isto suporá unha oportunidade para corrixir os erros do plan actual, reforzando os núcleos existentes, ampliando o seu ámbito e axustando os viais á súa realidade física", aseguran.
Tamén inclúe medidas para potenciar o crecemento económico, para "favorecer a xeración de riqueza", o asentamento de empresas e negocios no municipio para a creación de emprego. Cunha especial atención a un dos principais sectores produtivos de Poio como é a pesca e o marisqueo.
Ademáis Gregorio Agís insiste en facer realidade o polígono de Fragamoreira. Tras o acordo con Zona Franca, dende a administración municipal promete impulsar a urbanización e desenvolvemento do polígono.
Outro dos eixos fundamentais do programa socialista e o compromiso de "simplificar, mellorar e facilitar a relación entre o Concello e os emprendedores, autónomos e empresas para potenciar a actividade económica" é o que denomina "Programa Poio Facilita". O PSOE tamén incide no desenvolvemento dun programa de formación para "mellorar a empregabilidade da veciñanza de Poio", para proporcionar titulacións e certificados que habiliten para o desempeño laboral.
Outra iniciativa é a creación de solo de desenvolvemento comercial nas proximidades das zonas residenciais. así como a organización e consolidación de feiras e eventos de promoción e dinamización do comercio local.
A lista de proxectos continúa coa recuperación do litoral, con novas sendas, a mellora das praias e a recuperación dos paseos marítimos.
Un plan de mellora "para que os servizos municipais funcionen", con propostas como completar a rede de abastecemento e saneamento ao 100% das vivendas, renovar os servizos ao longo da PO-308, bonificar a metade do custe do saneamento cando este se realiza mediante bombeo, un cambio no contrato do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos para mellorar o sistema actual e implantar o contenedor marrón, entre outras propostas.
Logo está "o Tambo do futuro" e todo o que se quere facer coa illa para garantir a protección, a recuperación. Neste eido, o coidado do medio ambiente e a xestión sostible son outra das materias nas que incide o programa do PSOE xunto coa valorización do monte, "dous tercios do termo municipal son monte" con ideas como a creación dunha estación de bicicletas de montaña, de roteiros para BTT ou dun circuito canino agility.
O programa de goberno tamén fala do redeseño das escolas deportivas, dun novo pavillón municipal, de elaborar unha estratexia integral de promoción de hábitos de vida saudable.
Gregorio Agís pon especial énfase no impulso nas infraestruturas de comunicación articulando o concello e mellorando as conexión cos concellos limítrofes. "Unhas boas comunicacións garanten o futuro do concello actualmente condicionado en puntos como a PO-308 especialmente en A Barca e Combarro". Así insiste no proxecto de mellora da PO-308 en Porteliña, Andurique e A Barca, e tamén nos os accesos ao novo equipamento na Canteira de Graña favorecendo a conectividade de Castelo e Campelo Norte.
O candidato tamén cre que "a variante Norte é unha infraestructura de primer nivel que está infraulitizada", polo que propón a conexión da alternativa norte coa autopista para facilitar a conectividade e "impulsaremos de forma decidida a construción do vial do Vao para facilitar a conectividade da Caeira e diversificar o tráfico que pasa polo nó de A Barca".
Ademáis comprométese a impulsar a conexión da autopista coa rotonda de Portosanto en sentido de saída para que funcione a autopista como circunvalación de A Barca.
E, unha vella demanda, a construción dun vial alternativo aberto que conecte as zonas altas do municipio e reduza o impacto do tráfico na PO-308 e que permita o desenvolvemento urbanístico dos núcleos altos, facilitando a súa conectividade.
Outra das propostas estrela e dota a Poio dun Auditorio municipal. Un novo equipamento cunha situación céntrica na Canteira de Graña en San Xoán.