A Festa do Viño de Barro, unha oportunidade para homenaxear ao Grupo de Danzas Amor Ruibal
Por Redacción
A XLIV Festa do Viño de Barro, que se celebrará entre os días 16 e 19 de xuño, vaise converter este ano nunha homenaxe ao Grupo de Danzas Amor Ruibal deste municipio con motivo do 40 aniversario da súa fundación.
Como parte desta homenaxe, a integrante que máis veces vestiu o traxe tradicional para este grupo, Iria Viqueira, terá a honra de ser a pregoeira.
Desde o Concello de Barro destacan que o Grupo de Danzas Amor Ruibal participa desde a súa creación na programación da festa e ten unha relación especial con este evento por ser tradicionalmente o inicio da tempada de actuacións e o momento da estrea dos novos bailes e cancións.
Iria Viqueira, profesora de educación infantil e natural da parroquia de Curro, forma parte do grupo desde os 6 anos. Aos 37, ninguén actuou máis veces ca ela nesta festa.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, deu a coñecer este mércores o nome da pregoeira e explicou que tiñan "claro" que esta festa tiñan que dedicarlla ao Grupo de danzas Amor Ruibal "por todo o traballo de defensa e conservación da nosa cultura" e pola súa contribución á formación musical a tantos nenos e nenas ao longo de tantos anos nunha traxectoria "intachable e realmente admirable".
"Estamos moi contentos porque Iria, en representación de todo o colectivo, sexa a pregoeira da festa nunha edición tan especial", valorou Abraldes.
Relacionadas:
-
A XLV Festa do Viño de Barro empeza a preparar os seus caldos
Por Redacción |
-
Un concerto de Pelepau sinfónico coa Banda de música Xuvenil será o colofón da Festa do Viño de Barro 2023
Por Anxo Lourido |
-
A I Carreira Popular da Festa do Viño homenaxeará en Barro o deportista local César Constenla
Por Redacción |
-
Barro celebra o día grande da Festa do Viño
Por Cristina Saiz |