A Deputación reforza a súa colaboración coa Universidade de Vigo para promover a formación e especialización do seu alumnado
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación vén de destinar 210.000 euros á Universidade de Vigo para "fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado á investigación e a grandes proxectos que permiten referenciar á universidade".
Os recursos servirán para promocionar a mobilidade internacional do estudantado dos campus de Pontevedra e Vigo, así como para o desenvolvemento de proxectos promovidos por persoal investigador e para o proceso de especialización do Campus CREA.
Desta maneira a Deputación destinará 100.000 euros para o financiamento de 100 bolsas de mobilidade para o curso 2023-2024, cada unha dotada con 1.000 euros. Para contribuír a que o alumnado poida realizar os seus estudos en países estranxeiros.
A Deputación tamén vai destinar outros 80.000 euros para poñer en marcha un programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade.
Ademais, a Deputación tamén vai achegar 30.000 euros ao financiamento do proceso de especialización do Campus CREA, promovendo a realización conxunta de actividades e actuacións para contribuír á consecución dos obxectivos marcados no seu Plan Estratéxico.