Augas de Galicia remata as melloras da depuradora de Ponte Chaín, no concello de Portas

Por Redacción
A Xunta rematou as actuacións de mellora da estación depuradora de augas residuais de Ponte Chaín, no concello de Portas. Augas de Galicia procedeu á entrega destas intervencións á administración local.
A intervención permitirá reducir o tamaño dos sólidos que poidan incorporarse ás distintas fases do proceso de depuración e mellorar o rendemento de cada unha delas.
Os traballos acometidos na depuradora consistiron na substitución do cestón de grosos do pozo de bombeo por outro de luz de malla inferior e na instalación de variadores de frecuencia para o arranque das bombas do pozo de bombeo.
Tamén se dispuxo un caudalímetro, ademais dun contedor de 1,1 metros cúbicos para o almacenamento dos residuos, así como unha acometida de abastecemento de auga desde a traída municipal.