O avance na tramitación permitirá a apertura do novo vial paralelo á rúa Progreso

Por Redacción
O desenvolvemento dos tres Plans Especiais de Reforma Interior (PEI 15, PEI 16 e PEI 17) do ámbito urbanístico situado detrás do templo novo de Sanxenxo e as súas inmediacións levará consigo a urbanización dese espazo e a apertura dun vial de dobre sentido que funcionará como alternativa viaria á Rúa Progreso desconxestionando o tráfico rodado no centro da vila.
O Concello de Sanxenxo informa que os tres plans especiais reactiváronse xa hai meses e experimentaron un gran avance na súa tramitación o que achega a apertura deste novo vial, previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
A nova rúa será de dobre sentido e cunha superficie total de 6.919 metros cadrados.
O PEI 15 xa conta con todos os trámites aprobados, o PEI 17 xa conta coa aprobación inicial e, precisamente, esta semana entrou o PEI-16 para a súa tramitación ambiental estratéxica ante a Consellería de Medio Ambiente.
As urbanizacións destes tres ámbitos supoñerán ademais unha mellora con espazos e prazas de aparcamento en liña.
O PEI-17, situado na zona posterior do templo novo reactivouse en 2021, tras quedar paralizado en 2006, coa firma da novación do contrato de compra das tres parcelas ao Arcebispado. En total trátanse de 3 terreos de 2.144, de 280 e de 4.168 metros cadrados.
O PEI 17 contempla 50 vivendas para mozos, 1.566 metros cadrados de zonas libres verdes públicas, un novo vial de 1.858 metros cadrados, 31 prazas de aparcamento públicas e 50 árbores. No documento estímase que o custo total da urbanización roldaría os 500.000 euros.
Á espera de quen se decida que promova as vivendas, Xunta ou Concello, o obxectivo é sumar ás vivendas de protección oficial que xa existen no municipio, en Baltar e en Progreso, esta nova bolsa que podería acoller ata 50 vivendas para mozas.