César Poza, catapultado como o primeiro alcalde socialista con maioría absoluta: "os veciños entenderon que esta é unha candidatura moi forte"
Por Redacción
César Poza converteuse este 28 de maio no primeiro alcalde do PSOE da democracia en conseguir unha maioría absoluta en Vilaboa. Así o constataron os socialistas este luns á hora de facer balance do resultado electoral e destacar que lograron o 48,28% dos votos emitidos fronte ao 35,52% da segunda forza máis votada, o PP de Alberto Acuña.
Para Poza, "está claro que as veciñas e veciños entenderon que esta é unha candidatura forte, moi forte; un equipo honesto e que prometeu actuacións realizables, sen facer castelos no aire".
Ademais, os socialistas consideran que o resultado demostra que gustou o seu modelo de campaña en positivo, con propostas; "sen entrar na descalificación nin no insulto e sen responder ás provocacións da dereita, que tratou ata o día das eleccións de facer trampa e de embarrar o campo de xogo, poñendo en dúbida a honestidade dos e das socialistas de Vilaboa".
O equipo de César Poza avanza que comeza agora unha nova etapa na que van seguir traballando como ata agora, falando coa xente e facendo realidade o proxecto que teñan para que Vilaboa medre e poida ter máis servizos, contando sempre coas persoas como eixo principal da súa acción de goberno.
Están convencidos de que "teremos ao PP poñendo paus nas rodas para que Vilaboa non avance, como ata agora o viñeron facendo", pero sinalan que "a maioría absoluta danos a forza necesaria para superar todas as dificultades que nos poñan por diante".
O PSOE agradece "con sinceridade" o apoio dos veciños e veciñas de todas as parroquias de Vilaboa, xa que en todas as mesas o electorado se decantou maioritariamente pola candidatura socialista agás en Figueirido, onde houbo un empate técnico.
"Agradecemos infinitamente á cidadanía que nos dera esta confianza, esta forza suficiente para gobernar sen ataduras", destacan desde o PSOE, ao tempo que lembra que levan 24 liderando o goberno de Vilaboa, pero nunca con maioría absoluta. En Vilaboa levan 28 anos de gobernos de esquerdas se suman os catro liderados polo BNG.
Desde o PSOE sinalan que durante a campaña xa detectaron o respaldo da xente. Durante os últimos 15 días fixeron campaña porta a porta para achegar as propostas directamente a cada veciño, un traballo "arduo e gratificante a partes iguais".
A agrupación socialista agradece tamén publicamente ao BNG que fixera unha campaña tamén en positivo "limpa e honesta, sen descalificacións" e sinalan que é unha mágoa que a cidadanía "non apreciou o suficiente ese esforzo, e así llo trasladamos na noite electoral á formación". O BNG baixou de tres concelleiros a tan só unha, Teresa Carro.