David Carrera asume a misión de suceder a Jorge Canda co obxectivo de achegar "aire fresco" á Lama
Por Manu Otero
A Lama terá a partir do 17 de xuño un novo alcalde, aínda que a cor política non varíe. David Carrera sucederá a Jorge Canda, rexedor desde o ano 1995. "Jorge seguirá achegando a súa experiencia", sostén o novo dirixente que tratará de achegar "aire fresco" á política municipal.
"Sempre que hai transicións hai dúbidas sobre como pode reaccionar a xente", recoñece Carrera, gañador das eleccións co mesmo resultado que o seu predecesor. Por iso, agradece o "voto de confianza" da cidadanía.
Confesa tamén Carrera que a campaña electoral foi unha das máis "intensas" dos últimos tempos. "Houbo máis candidaturas que nunca e houbo tamén moita tensión pero, con traballo, saíu ben", sostén o triunfador da cita coas urnas do pasado 28 de maio.
Renovada a confianza cos veciños e veciñas, Carrera afronta catro anos de mandato cheos de retos nos que tocará "traballar" por posicionar ao seu municipio como un destino turístico no que a natureza e a beleza da paisaxe debe ser un factor diferencial. "Tampouco desatenderemos aos maiores", promete o novo alcalde tendendo a man a todos os colectivos veciñais. "Necesitamos a colaboración e a axuda de todos os veciños e de todas as parroquias porque a confrontación non leva a nada", pide.
Neste sentido, fai referencia a un dos principais conflitos cos que terá que lidar ao longo do próximos catro anos, que é a xestión dos proxectos de parques eólicos. "Trataremos de buscar unha solución boa para todas as partes sen prexudicar a ninguén, o Concello está para axudar aos veciños", conclúe o mandatario.
Relacionadas:
-
David Carrera inicia o seu mandato revisando con Canda as obras previstas no polígono industrial de Racelo
Por Redacción |
-
Traspaso de poderes na Lama: Jorge Canda entrega o bastón de mando a David Carrera
Por Redacción |
-
28M | O PP revalida a maioría absoluta na Lama e leva a David Carrera á Alcaldía
Por Redacción |