As eleccións do 23 de xullo disparan o interese polo voto por correo en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A convocatoria de eleccións xerais para o próximo 23 de xullo, en pleno período estival, disparou as peticións de voto por correo. En tan só 24 horas, numerosos pontevedreses acudiron á oficina de Correos para solicitar a documentación para tramitalo.
O goteo de xente, ao longo da xornada de onte mércores, o primeiro día no que se podía solicitar esta modalidade de voto, foi incesante. "Non parou de vir xente en todo o día", sosteñen as fontes consultadas por PontevedraViva.
Esta circunstancia disparou a carga de traballo dos empregados da oficina pontevedresa, que acaban de saír doutro proceso electoral no que que tramitar centos de peticións.
"Esa fin de semana teño unha viaxe planeada, é a única que teño de vacacións", explica Mari Carmen, unha das pontevedresas que xa solicitou o voto por correo.
E non é a única. Votar "é un deber que temos todos", sostén Manuel, pero co seu descanso estival xa planificado "non sei onde vou estar ese día e prefiro votar por adiantado".
Eles foron dous dos pontevedreses que se achegaron xa ata as oficinas de Correos, onde pode pedirse o voto por correo ata o próximo 13 de xullo.
Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade -acreditada mediante certificación médica oficial-. Neste caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente.
No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir orixinais.
Correos entregará as solicitudes recibidas nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, quen enviará aos solicitantes, a partir do 3 de xullo, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo.
O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 19 de xullo.
Ademais de pedir o voto por correo de maneira presencial, os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Iso si, terán que acreditar a súa identidade mediante firma electrónica.
Relacionadas:
-
Amplían un día o prazo de entrega de voto por correo
Por Redacción |
-
Correos amplía horario nas súas oficinas para atender o voto por correo
Por María José Pita |
-
RADIO.- Votas por correo o 23X? En PontevedraViva Radio explicamos procedemento, dúbidas e curiosidades deste sistema de votación
Por Marisa Ciordia |
-
Ter vacacións contratadas antes do 29 de maio servirá para librarse da mesa electoral
Por Redacción |
-
Pedro Sánchez adianta as eleccións xerais en España ao 23 de xullo
Por Oskar Viéitez |