Ábrese o prazo en Cuntis para inscribirse no programa de conciliación 'Cuntilín' de verán
Por Redacción
O Concello de Cuntis abre este luns 5 o prazo para aquelas persoas que queiran inscribirse no programa de conciliación familiar 'Cuntilín Verán'. O prazo límite para apuntarse establécese no 15 de xuño. Cinco días máis tarde publicarase a listaxe definitiva de escolares admitidos.
Os impresos de solicitude pódense solicitar de maneira persoal en horario matinal, de 09.00 a 14.00 horas, na OMIX; no departamento de Servizos Sociais do Concello ou nas Oficinas Xerais. Durante as tardes, os impresos atoparanse dispoñibles nas instalacións de Cuntilín. Tamén é posible descargalos a través da sede electrónica do Concello.
As solicitudes deben presentarse por sede electrónica ou persoalmente no Rexistro do Concello.
Cuntilín Verán destínase a escolares entre o 22 de xuño e o 8 de setembro, permanecendo aberto todos os días hábiles, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas nas instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García. A excepción establécese durante a semana das festas patronais no mes de agosto no que a actividade permanecerá pechada.
Os escolares participantes terán a oportunidade de realizar actividades para fomentar as capacidades persoais e favorecer a comprensión da realidade.
O Concello de Cuntis financia este programa cunha partida de 206.250 euros anuais.