María José de Pazo, portavoz dos familiares do Villa de Pitanxo, ante a aparición do barco: "é unha noticia moi positiva"
"É unha noticia moi positiva para todas as familias e para toda a xente que estaba á espera", afirmaba este domingo María José de Pazo, a portavoz das familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, unha vez coñecido que o buque Ártabro que realiza os labores de procura nas augas de Terranova detectou o pecio nas proximidades do punto onde se produciu o fatal afundimento.
Neste sentido, De Pazo asegura que "é un tema moi serio que nos toca no máis profundo do ser", sinalou insistindo en que "non só é un barco dentro dunha proba dun proceso xudicial, senón o lugar onde faleceron 21 seres queridos e consideramos que é a tumba de doce, que desapareceron".
A portavoz indicou que aínda carecen de confirmación oficial por parte das autoridades, pero si recoñece que todos os indicios que manexan é que a estrutura metálica aparecida o xoves se corresponde co Villa de Pitanxo. "Todos os datos indícano", explica baseándose nas informacións que están a recibir durante as últimas horas.
Sinala tamén que este domingo baixará o robot para gravar o barco desde unha distancia máis próxima ao casco co obxectivo de solicitar información sobre as causas que provocaron o tráxico desenlace o 15 de febreiro de 2022.
A Audiencia Nacional ten este caso xudicializado por 21 posibles delitos de homicidio por imprudencia e mantén como investigados ao patrón e a armadora do barco, Juan Padín e Pesqueiras Grupo Nores.
Relacionadas:
-
A expedición que localizou os restos do Villa de Pitanxo "alcanzou todos os obxectivos da inspección"
Por Alejandro Espiño |
-
O Ártabro identifica o pecio atopado en Terranova como o Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
“Esperanza” entre as familias ao localizar o buque Ártabro unha estrutura na zona do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
A expedición ao Villa de Pitanxo esperará en Terranova aos peritos autorizados polo xuíz
Por Redacción |
-
O xuíz que investiga o naufragio do Villa de Pitanxo pide explicacións ao Goberno por non cumprir as súas ordes
Por Alejandro Espiño |