Comeza a ABAU en Pontevedra co destino universitario de 1.291 estudantes en xogo
Por Manu Otero & Mónica Patxot
É un dos días que quedan gravados a lume na memoria de todos os estudantes. Este martes comezaron en toda Galicia as probas de acceso á universidade. No campus de Pontevedra, 1.291 estudantes puxeron punto e final ás semanas máis angustiosas da súa etapa educativa para xogarse, en tres xornadas, entrar na carreira universitaria dos seus soños.
"Esa presión de ter que chegar a unha nota é horrible", confesaba Mariña Cacabelos, do IES Ramón Cabanillas, minutos antes de entrar ao primeiro exame da xornada: a temida proba de Historia de España. "É ao que máis medo témoslle", exclaman ao unísono Cacabelos e a súa compañeira Paula Iglesias. Ambas afrontan estas cruciais xornadas co obxectivo de alcanzar unha nota que lles permita acceder á titulación de Filoloxía Inglesa e Tradución e Interpretación, respectivamente.
O proceso ata chegar a este decisivo 6 de xuño tampouco foi sinxelo. "Foi fatal, é moito estudo xunto e estamos moi tensas", recoñece Iglesias.
Menos angustiados mostrábanse os aspirantes a universitarios de Vilanova de Arousa Brais Fernández e Duarte Abal.
"Eu tiven a sorte de que os meus profesores fixeron un gran traballo e o 6 de maio xa tiña todo avaliado e púxenme coa ABAU. Tiven tres semanas para preparar todo, estou bastante tranquilo. Pero si que é verdade que onte pola noite empezaron os nervios e custoume un pouco durmir", sostén Abal, que necesita unha media de 10,8 sobre 14 para acceder á carreira de Psicoloxía. "Levo un 8,71 de bacharelato, tenme que saír unha boa ABAU pero vou ben preparado", confía.
Pola súa banda, Brais tamén chega cos nervios tépedos á ABAU. "Estas últimas semanas estudei menos para tranquilizarme. Xa estudei intensivo antes para nos últimos días vir tranquilo, pero aínda así hoxe durmín pouco", confesa.
O seu obxectivo é máis alcanzable que o do seu compañeiro de instituto. "Quero estudar filosofía e ao ter unha media de bacharelato de notable, con aprobar o selectivo éme suficiente", declara con tranquilidade, pero con certo receo ante as probas de Historia e Inglés.
As probas deste primeiro día do selectivo son as de Historia e Lingua Castelá pola mañá. Na quenda de tarde terán lugar as de Latín ou Matemáticas, ademais das de Economía ou Deseño.
Para o mércores están previstas as de Galego e Lingua Estranxeira, así como as de Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais ou Arte, ademais doutras materias optativas. A última xornada inclúe os exames de Bioloxía ou Historia da arte; Física, Xeografía ou Cultura Audiovisual; e, para terminar, Xeoloxía ou Historia da Filosofía.
A sorte está botada e os nervios desta primeira xornada de exames converteranse, para moitos, en alivio e alegría dentro de tres días cando dean por terminada unha das semanas máis estresantes da etapa educativa de calquera estudante.
Relacionadas:
-
Unha quincena de alumnos con necesidades educativas especiais iniciaron as probas de selectividade na Once
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Trescentos estudantes inician en Pontevedra as probas extraordinarias da ABAU
Por Redacción |
-
A Restauración borbónica e a construción do ferrocarril rebaixan a tensión no inicio da ABAU en Pontevedra
Por Manu Otero & Diana Eiras |
-
Xornada de nervios no campus, comezan os exames da selectividade
Por Redacción |