Indignación nunha vítima de violación ao ser condenado o seu agresor a só dous anos de cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Karen Regina Porto, de 39 anos, cualifica como "unha barbaridade" a sentenza condenatoria que se ditou este martes contra Isidro F.R., ao que a Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a dous anos de prisión como autor dunha agresión sexual. Ela é a súa vítima e, tras coñecer a pena, cre que "ficou impune" e se pregunta "que seguridade ten unha chica para sair pola noite? " se alguén pode violala, recoñecer os feitos e finalmente recibir unha pena tan reducida.
O acusado estaba citado para ser xulgado, pero alcanzou un acordo co fiscal, de modo que o xuízo non chegou a celebrarse e se ditou sentenza firme xa coa súa conformidade, pero coa indignación da vítima. A muller foi citada como testemuña, pero xa non tivo que declarar nin chegou a entrar na sala de vistas.
Unha vez coñecido o acordo, valorou ante os medios (en brasileiro, en declaracións aquí traducidas) ás portas da Audiencia que ve "moi mal" que o seu agresor non teña que entrar en prisión. O home ten unha condena por intento de agresión sexual, pero a sentenza é posterior, de modo que non o conta como antecedente e como nesta ocasión a súa pena é de só dous anos, non chegará a entrar no cárcere. Ademais, deberá indemnizar a súa vítima con 1.200 euros.
Fronte ao malestar da vítima, o fiscal do caso, Benito Montero, considera que a sentenza ditada por conformidade é "unha solución xusta, acertada e que o tribunal veu con bos ollos". O Ministerio Público pedía a condena do acusado a 13 anos e seis meses de prisión por agresión sexual, pero pactou unha importante redución da pena pola inseguridade que reportaba a principal proba que hai contra o procesado, unha proba de ADN.
Segundo explicou o fiscal, os feitos se produciron no ano 2006 e naquel momento tomou unha mostra de esperma do capó do coche no que supostamente se produciu a violación. Non obstante, naquel momento eses restos non coincidiron con ningún ADN fichado polas Forzas de Seguridade. Foi cinco anos máis tarde cando se reabriu o caso. O agora acusado foi detido no ano 2009 por un problema familiar e fixéronlle unha proba de ADN. Dous anos máis tarde, en 2011, ao cruzar as bases de datos policiais, vinculóuselle con esta agresión sexual, reabriuse o caso e a vítima foi chamada á Comisaría para identificalo.
O fiscal xustifica a redución da condena en dificuldades coa proba de ADN: "tiña unha base acusatoria bastante débil"
A proba de ADN vincúlao claramente, pero no momento en que ao home lle fixeron a proba non estaba presente un avogado. Hai sentenzas do Tribunal Supremo que invalidan estas probas, de modo que a acusación do fiscal se vía moi afectada e este foi o motivo polo que aceptou pactar unha conformidade co procesado, porque "tiña unha base acusatoria bastante débil".
Ademais, hai outra aspecto fundamental que se tivo en conta para reducir a petición de condena: a vítima non recoñeceu o seu agresor. Os feitos aconteceron ás 7.30 horas á saída do establecemento Búho Azul da avenida de Bos Aires de Pontevedra. Entre que era de noite, que a muller bebera e que pasaron tantos anos, cando no ano 2011 o chamaron da Comisaría para recoñecer o seu atacante, ela non puido facelo.
A rapaza asumiu este martes que non puido recoñecer o seu atacante. Relatou que aquela noite estivera de festa e, ao saír do último local, se dirixiu a unha cabina telefónica próxima. Cando estaba a falar por teléfono, segundo ela, o home ameazouna cun coitelo e dirixiuna a unha zona de aparcadoiro próxima, onde lle "deu puñazos e violou". O home nega que usase un coitelo e non hai probas presenciais á marxe da declaración da vítima, de modo que a condena é por agresión sexual sen penetración e sen uso de arma.
Karen Regina, que non puido ver a cara do seu agresor con claridade, recorda que aquela noite, mentres lle estaba a violar, "pedín socorro e pasaron unhas tres persoas e non fixeron caso". Tras a agresión, logrou desfacerse do home e fuxiu correndo cara a un coche. Estaba núa e a parella que ía no coche parouno e axudoulle e chamou a Policía. A pesar de que buscaron o atacante, non o localizaron naquel momento.
Karen Regina: "Unha muller que denuncia unha cousa desas xa é dificil e se non te cren... "
A muller presentou denuncia ante a Policía Nacional e o forense certificou que houbo unha agresión sexual e tamén que a vítima recibiu un puñazo e que rabuñou o seu agresor na cara. Agora que recorda os feitos, móstrase doída co trato recibido na Comisaría, pois "foi doloroso porque non se crían que era verdade, pensaban que era mentira miña para gañar os papeis". Ela levaba pouco tempo en España e estaba irregular, de modo que está convencida de que nun primeiro momento os axentes non daban credibilidade á súa versión por prexuízos.
A muller tiña naquel momento 33 anos e cando lle fixeron as probas forenses descubriu que estaba embarazada de pouco máis dun mes. O acontecido deixoulle "un trauma" e durante bastante tempo "non saía da casa porque non sabía quen era, tiña medo". Agora superou esta "depresión", tivo aquel fillo do que estaba embarazada antes de ser violada e un segundo descendente e está casada, de modo que o único que quería era xa "esquecer todo". A indignación pola sentenza non llo fará doado. "Unha muller que denuncia unha cousa desas xa é dificil e se non te cren... ", reflexiona.