A Boa Vila segue fiel á tradición do Corpus
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O domingo 11 de xuño conmemórase a Solemnidade do Corpo e o Sangue de Cristo, popularmente coñecida como Corpus Christi.
No caso de Pontevedra, esta celebración relixiosa prepárase a través dunha Coordinadora Interparroquial, encargada de organizar esta solemnidade. Trátase, por tanto, dunha celebración comunitaria de todas as parroquias da cidade.
A Misa Solemne tivo lugar ás once da mañá na Real Basílica de Santa María a Maior oficiada polo exarcebispo de Santiago, Julián Barrio, coa primeira comuñón de varios nenos. Ao seu remate, sobre as doce do mediodía, saíu a procesión que percorreu a Avenida de Santa María, Mestre Mateo, Praza de España, Michelena, Paseo de Odriozola, Praza da Ferrería -onde se detivo para un breve acto eucarístico-, Paseo de Odriozola, Pasantería e Sarmiento, recolléndose na igrexa parroquial de San Bartolomé.
Algunhas partes do percorrido, como a Avenida de Santa María ou a Praza da Ferrería foron adornadas coas habituais alfombras florais, elaboradas durante a tarde e a noite do sábado.
Ademais, desde a Coordinadora Interparroquial animouse aos veciños das rúas polas que discorría a procesión para engalanar xanelas e balcóns con tapices e bandeiras, así como a "botar pétalos ao paso do Santísimo".
Tamén sacaron en procesión as imaxes de San Telmo, San Roque, San Cristóbal, San Mauro, San Julián, San Sebastián, San Miguel, San Juan Bautista e a Virxe Branca.
Forma parte da tradición deste día a invitación que cursa o Gremio de Mareantes a todos os membros da corporación municipal para tomar a "parva" de Corpus, un xantar composto por augardente e pan de millo. Tómase no atrio da capela de San Roque para que o alcalde, co bastón de mando na man, acompañe a mordomos e santos antes da saída da procesión.