![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d7d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/648730e555-low-cost.jpg)
© Bombeiros do consorcio provincial
O Parque de Bombeiros de Vilagarcía, sen servizo este luns debido ao conflito laboral
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
Este martes atópase inoperativo o parque de bombeiros de Vilagarcía, que cobre tanto este municipio como Vilanova, A Illa ou Caldas de Reis. Esta situación inclúese dentro da folga provincial que, desde hai tres meses, protagonizan os bombeiros do consorcio provincial.
Anuncian tamén que, en breve, este paro será secundado por bombeiros de toda Galicia debido ao que a representación sindical considera que se están a incumprir os compromisos adquiridos polo consorcio, formado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, en relación ás condicións do persoal laboral fixo dos parques dependentes deste consorcio. Demandan, ademais, a firma dun convenio autonómico do sector de bombeiros comarcais.
Ata o momento, segundo indican as mesmas fontes, malia o déficit estrutural de persoal sempre se mantiveron abertos os parques grazas a que os traballadores aumentaban a súa xornada laboral de forma voluntaria.
Sinalan que, en ocasións, alcanzaban as 200 horas extra anuais por bombeiro para poder ofrecer o servizo á cidadanía. Para cada quenda é preciso un mínimo de tres traballadores. Nesta xornada non se cumpría este requisito e o parque mantívose inactivo, segundo fontes sindicais.
Desde que o colectivo iniciou a folga deixaron de realizar as horas extra voluntarias e as carencias obrigan ao peche, nesta xornada de luns 12 de xuño, tanto do parque de Vilagarcía de Arousa como tamén do de Porriño, dentro da provincia.