O San Xoán de Cerdedo-Cotobade volverá celebrarse no pavillón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade mentén este ano a celebración do San Xoán no pavillón municipal de Deportes de Cerdedo para evitar calquera ameaza de choiva que poidera arruinar este evento festivo e gastronómico para o que se prevé a presenza de preto dun milleiro de persoas.
As populares festas do San Xoán de Cerdedo comezarán o venres 23 de xuño a partir das 21:30 horas no pavillón municipal de deportes onde as persoas que retiren o ticket de 5 euros (os menores de 8 anos, gratis) nas oficinas municipais de Cerdedo ou Carballedo terán dereito a degustar churrasco de porco celta, sardiñas, pan e viño.
A partir das 00:00 horas da noite procederase a prender a fogueira na que os asistentes poderán queimar o meigallo. A animación musical da festa correrá a cargo de Disco Móvil “On by Chito”. Ademais, haberá stands de Indicación Xeográfica Protexida polo que os asistentes a esta festa poderán mercar todo tipo de produtos para ser degustados ou levados para os seus fogares.
Aquelas persoas que queiran asistir a esta Festa do San Xoán en Cerdedo deberán mercar os tickets antes do luns 19 de xuño nas oficinas municipiais, tanto na sede de Cerdedo como na de Carballedo porque o aforo será limitado.
Pola súa banda, o alcalde en funcións do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, animou á veciñanza a retirar canto antes os tickets co fin de que a veciñanza poida acudir con normalidade e tranquilidade a esta festa que se vai celebrar no pavillón de deportes para garantir que calquera adversidade metereolóxica non empañe a celebración deste evento que conta cun enorme respaldo social.
“O ano pasado demostrouse que foi un acerto facela no pavillón xa que choveu e estivemos perfectamente a cuberto. Animo á veciñanza a que retire o seu ticket canto antes e que disfruten dunha festa tradicional que nos identifica como pobo e da que nos sentimos todos moi orgullosos. Temos que disfrutar con sentido e responsabilidade das festas populares e desde o Concello seguiremos impulsándoas e colaborando coa veciñanza para que sigan sendo un éxito total”, indicou Cubela.