Diego Murillo: "Recortaría antes en temas políticos que sanitarios"
Por Diego Espiño
O pontevedrés Diego Murillo Carrasco ven de ser elixido para formar parte do Consello Asesor de Sanidade no ministerio que dirixe Ana Mato. Xinecólogo de profesión, é o actual presidente da Agrupación Mutual Aseguradora (AMA).
Cal será o seu papel no Consello Asesor de Sanidade?
O habitual é que cando se saca unha lei se nos pida opinión aos técnicos que estamos dentro do campo sanitario. Estamos máis na rúa. No meu caso teño unha estreita relación cos presidentes dos colexios médicos, coñezo as súas inquetudes.
Xa ocupou o mismo cargo na etapa de Ana Pastor ao frente do ministerio, que lle motivou a repetir?
Chamoume a ministra e díxome que lle encantaría que a apoiase. Se ela cre que eu pola miña experiencia, polo cargo que ocupo actualmente, podo achegar algo nestes momento de dificultade... lle dixen: ministra, á túa enteira disposición. O meu tempo e días, iso si llo advertín, é limitado, porque non vou deixar as miñas responsabilidades en AMA.
Son días delicados para a sanidade pública, que espera atopar no ministerio?
"Hai 17 formas de facer medicina en España, 17 autonomías e cada unha vai polo seu lado"
Moitas dificultades. En primeiro lugar hai 17 formas de facer medicina en España, 17 autonomías e cada unha vai polo seu lado. O que non ten sentido é que unha cirurxía se faga de xeito diferente nun sitio ou noutro. ÿ unha das circunstancias que están a deteriorar a sanidade do noso país.
Nos últimos meses producíronse recortes na asistencia sanitaria, comparte as medidas adoptadas polo Goberno?
Eu recortaría antes en temas políticos que sanitarios. Creo que a sanidade é fundamental. Hai que recortar en todo, pero hai que comezar polo número de deputados que existen ou polo número de senadores. Alemaña é un país moito máis grande que España e ten paréceme que 90 senadores, e nós falamos de máis de 250.
Como ve a situación actual do Complexo Hospitalario de Pontevedra?
Paralizouse todo polo tema económico, pero Pontevedra merece un hospital, chámalle ampliar o que hai con mellores servizos ou unha instalación nova. Aquí, por exemplo, non temos radioterapia ou medicina nuclear. Non hai por que ir a Vigo. ¿Que hai que buscar financiamento?, pois hai que buscala, esperemos que en dous ou tres anos isto mellore porque por agora vai ser moi difícil.
Ocupou moitos cargos. Dende a presidencia do colexio de médicos de Pontevedra, pasando por concelleiro, deputado, fundou o sanatorio da Merced e ata foi presidente do Teucro, que me di desta etapa?
"Bozidar non tiña papeis porque escapara de Iugoslavia. Cruzou a fronteira correndo"
Pasei unha etapa preciosa no Teucro. Tíveno catro anos en división de honra. Fichei o primeiro xogador estranxeiro que chegou a esta cidade, que foi Bozidar. Recordo que o primeiro día que adestrou no Pavillón había máis xente que nos partidos, máis de 3.000 persoas vendo o adestramento. Trouxémolo de Portugal, onde estaba a xogar. Ao pasar a fronteira dixo que lle roubaran o coche e os papeis, pero non os tiña porque se escapara de Iugoslavia. Cruzou a fronteira correndo.
Algún reto pendente? Volverá por exemplo á política activa?
Non, nunca máis. Agora quero rematar a miña etapa en AMA de forma bonita, dedicarme a xogar cos meus netos e pouco máis.