Luis Arosa, alcalde da Illa de Arousa co apoio do BNG para lograr un concello "próspero, inclusivo e sostible"
Por Redacción
Luis Arosa foi investido este sábado alcalde da Illa da Arousa cos votos favorables dos tres concelleiros do seu partido, o PSOE, e os tres do BNG. Desta maneira, pasou a ser o terceiro alcalde socialista do municipio, que ten gobernos destas siglas desde 1995.
O Partido Popular foi o partido máis votado o 28 de maio, a un concelleiro de lograr a maioría absoluta, pero o acordo entre socialistas e nacionalistas permite ao PSOE seguir gobernando.
A sesión de investidura encheu o salón de plenos de numerosos veciños e veciñas da Arousa e militantes e simpatizantes de todos os partidos.
No seu discurso como alcalde, Arosa amosou a súa "emoción", "honra" e "responsabilidade" por recibir o cargo de alcalde e asegurou que, como veciño da Illa de Arousa, "non podo aspirar nin a maior distinción nin a maior reto que liderar esta nova etapa que hoxe comeza no Concello".
Luis Arosa tivo palabras de recoñecemento e gratitude para todas as persoas que fixeron posible a súa toma de posesión como alcalde, comezando pola súa familia, o seu equipo e o seu partido e fixo unha mención especial ao seu antecesor no cargo, presente no salón de plenos, Carlos Iglesias. "Quero agradecerlle o traballo que realizou como alcalde e, como non, todo o que aprendín con el", sinalou.
O alcalde prometeu "traballar arreo para estar á altura das vosas expectativas" e para seguir mellorando a calidade de vida do municipio. "Desde este momento son o alcalde de todas e de todos e tanto eu como todo o equipo estamos ao voso servizo", asegurou.
O novo alcalde concluíu a súa intervención co compromiso de traballar con honestidade, transparencia e dedicación para lograr un concello "próspero, inclusivo e sostible" para que toda a poboación sinta orgullo "de pertencer a este paraíso"