Telmo Martín reforza a área social no novo goberno de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A estrutura do novo goberno de Sanxenxo repartirase en Alcaldía e nove concellerías, unha distribución nas que a área social verase reforzada e coa que se busca a "maior eficiencia na prestación dos servizos municipais".
Sete das nove amplían as súas áreas con competencias con fins sociais. Os obxectivos do novo executivo son "seguir impulsando proxectos que melloren a vida dos veciños e seguir potenciando Sanxenxo como destino turístico de referencia".
Ademais, María Deza volverá ser portavoz e primeira tenente alcalde e Paula Martínez e Marcos Guisasola, segunda e terceiro tenente alcalde.
A distribución das nove novas áreas de goberno é a seguinte: Elena Torres levará cultura e eventos; Marcos Guisasola asume deportes, mocidade e voluntariado; Natividade Parada será a responsable de educación, Paula Martínez de facenda, economía e persoal; Yago Torres será o concelleiro de medio ambiente, mantemento e servizos; María Deza levará planificación urbanística e vivenda; Xoán Pérez terá as competencias de seguridade cidadá e emerxencias; Paz Lago servizos sociais e maiores e Juan Deza levará turismo.
Áreas de goberno que ata o de agora estaban compartidas nunha mesma concellería, como Cultura e Educación, agora son departamentos diferenciados con dúas concelleiras á fronte, algo que lles permitirá crecer e adquirir maior peso na xestión do goberno.
Doutra banda, hai concelleiros cunha ampla experiencia de goberno, como Marcos Guisasola ou Paz Lago que se fan cargo de novas áreas que "necesitan unha reconsideración ou impulso", como son a Concellería de Deportes, Mocidade e Voluntariado e a de Servizos Sociais e Maiores, respectivamente.
Outros concelleiros con experiencia de goberno ven crecer as súas competencias como María Deza con Planificación Urbanística e Vivenda. Paula Martínez e Juan Deza xestionarán áreas craves no goberno como son, Facenda e Persoal e Turismo, no caso do segundo.