A Consellería de Educación busca cos técnicos municipais unha solución de urxencia para o CEIP Froebel
Por Anxo Lourido
Este venres está prevista unha visita conxunta ao CEIP Froebel de integrantes da Unidade Técnica da Consellería de Educación e de técnicos do Concello de Pontevedra para avaliar e solucionar os danos rexistrados no centro escolar durante os últimos días por mor das filtracións de auga que orixinaron inundacións nos corredores, patios e distintas estancias deste colexio.
Segundo indican desde a Consellería de Educación, os técnicos de ambas as administracións manteñen conversas para efectuar unha intervención de urxencia durante este verán que permita solucionar estes problemas de presenza de augas no interior do centro, que recollía PontevedraViva e que mantén preocupado tanto ao profesorado como ás persoas que integran o ANPA do CEIP Froebel.
Desde Educación lembran que as competencias na limpeza dos canalóns e mantemento corresponden ao Concello mentres que as cubertas son competencia da Xunta de Galicia.
En todo caso, insisten en que a administración autonómica "mantén intacto" o seu compromiso co Colexio CEIP Froebel. Nestes momentos, indican que ultiman o proxecto da terceira fase da reforma que se vai a acometer. Unha vez que estea finalizada vai iniciarse o proceso de licitación co obxectivo de executar a obra en 2024, cun investimento estimado dun millón de euros.
A obra incluirá, entre outras actuacións, o cambio das cubertas, renovación de baños, instalación eléctrica ou pavimentos, segundo expoñen desde a Consellería de Educación.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, lembraba este martes que os problemas de cuberta forman parte da estrutura do edificio: "hai que cambiar un tellado diagnosticado desde hai tempo. Se fose que rompeu unha tella... pero non", explicou sobre a obra a efectuar.
O rexedor insistiu en que as competencias corresponden á Xunta de Galicia e que o Concello non pode resolver problemas estruturais dunha edificación escolar.
Relacionadas:
-
Flotadores e lentes acuáticas ás portas do colexio Froebel para denunciar as pingueiras
Por Anxo Lourido |
-
Volve entrar auga no interior do colexio Froebel, tras un verán de obras no tellado
Por Anxo Lourido |
-
O mantemento dos colexios públicos comeza coa limpeza da cuberta do Froebel
Por Redacción |
-
Compromiso para acometer este verán traballos de limpeza e tratamento nas cubertas e canlóns do Froebel
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
É unha piscina? Non, é unha nova inundación no patio interior do colexio Froebel tras as fortes chuvias
Por Anxo Lourido |