Reparar o lucernario do Pazo Provincial custará preto de 71.000 euros
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acometerá as obras de conservación e mellora da cuberta do Pazo provincial para solucionar as filtracións de auga que afectan á propia cuberta e tamén aos espazos interiores do inmoble.
A institución dedicará preto de 71.000 euros a actuar na zona suroeste do lucernario, que presenta na actualidade unha porcentaxe de rotura e desprazamento do seu material de cubrición, ademais de problemas de estanquidade nas xuntas de unión do material.
Os traballos terán un prazo de execución de 30 días e, pola súa natureza, serán realizados cun criterio de protección cara aos elementos orixinais e durante os meses de verán debido á maior escaseza de choivas.
No marco das obras conservarase a estrutura existente –que se limpará e saneará para eliminar o óxido– e substituirase a cubrición, buscando unha solución lixeira que non a sobrecargue e á vez facilite a súa conservación, ademais de optar por un tratamento similar ao xa executado no lucernario simétrico, a base de policarbonato.
O obxectivo será reparar a evacuación de augas, para o que será necesario impermeabilizar os caleiros polos que transcorren as pluviais. O caleiro interior perimetral e os verteaugas das fiestras e das baixantes arranxaranse mediante a instalación de pezas de zinc. Tamén se repararán os paramentos verticais perimetrais danados e, ademais, restauraranse ou reporanse as pezas deterioradas da vidreira horizontal situada debaixo do lucernario.