Ana Pontón asegura que "do que nós dependa a dereita e a extrema dereita non van gobernar no Estado español"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Do que nós dependa a dereita e a extrema dereita non van gobernar no Estado español" dixo este xoves a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón durante un acto electoral en Pontevedra.
A líder nacionalista galega sinalou que no BNG "temos unha liña moi clara de que non queremos un goberno que signifique retrocesos nos dereitos e nas liberdades públicas" e tamén, engadiu, "retrocesos nos dereitos das mulleres ou recortes nas pensións".
Ana Pontón insistiu en que "esa posición está moi clara" e así llo lembrarán á cidadanía durante a campaña electoral cando expliquen "para que vai servir o seu voto".
A portavoz do Bloque apuntou que "sabemos o que representa o Partido Popular", lembrando que xa gobernou no Estado e cun presidente galego como foi Mariano Rajoy "que o único que trouxo a Galicia foi discriminación" e citou o incremento das peaxes na autoestrada, a "hipoteca" para a ría de Pontevedra coa prórroga da concesión de Ence ou que "recortaron pensións e dereitos sociais".
"É evidente que nós non podemos apoiar esas políticas", sentenciou.
"Canta máis forza teña o BNG máis terá Galicia", desatacou este xoves a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego durante a presentación da cabeza de lista desta formación pola provincia de Pontevedra para o Congreso dos Deputados, Carme da Silva.
"Necesitamos un grupo galego forte da man do BNG" dixo Ana Pontón para "que condicionemos a política do Estado a favor dos galegos e as galegas".
A líder nacionalista recalcou que "os temas da axenda galega teñen que aparecer con forza no Congreso" e que deben que ser defendidos e negociados desde un grupo parlamentario galego "coas mans libres para defender os intereses do noso país", algo que, ao seu xuízo, non ocorre cos deputados galegos do Partido Popular e do Partido Socialista que actúan en Madrid coma se fosen na "procesión dos caladiños".
A portavoz do Bloque advertiu de que "o 23 de xullo xogámonos moito, unha parte do noso futuro" e que "só o BNG é garantía de defensa dos intereses de Galicia" polo que nestas eleccións "saímos a por todas" para "facer valer nosos intereses fronte ao Estado".
Neste sentido, destacou que "un deputado do BNG foi máis útil para Galicia que os 23 restantes ao servizo de forzas estatais" en referencia ao actual deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, que co seu voto a favor da investidura de Pedro Sánchez como presidente logrou rebaixas nas peaxes da autoestrada AP-9 por 55 millóns anuais.
"Nós o que pedimos non son privilexios, nós o que pedimos é xustiza e un trato digno para Galicia", insistiu a líder nacionalista.
Pontón cominou á cidadanía galega a apostar polo BNG para "acabar co guión das forzas centralistas que poñen a Galicia nunha esquina, nós queremos que Galicia estea no centro do debate político".
Sobre Carme da Silva, a portavoz nacional do BNG destacou a súa "capacidade política honradez e entrega". A concelleira pontevedresa forma parte da Executiva nacional do BNG e ven de dirixir a campaña das eleccións municipais en toda Galicia e ademais ten na súa traxectoria a experiencia de ser parte central do goberno municipal de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Ana Pontón, do BNG: "a nosa papeleta vale para dar peso a Galiza e para frear a extrema dereita coa que se alía o PP"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Carme da Silva defende a xestión galega dos portos de interese xeral como o de Marín
Por Redacción |
-
Ana Pontón, na Illa de Arousa: "desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar"
Por Anxo Lourido |
-
Frente Obrero, Pacma, Por un mundo máis Xusto, PCTG e Recortes Cero preséntanse ao 23X por Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Carme da Silva repetirá como cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra
Por Natalia Puga |