Carme da Silva defende a xestión galega dos portos de interese xeral como o de Marín
Por Redacción
"O Porto de Marín é o elemento económico máis importante da vila e non pode depender de Madrid, que está a 620 quilómetros de aquí. É precisa unha transferencia para unha xestión galega dos portos de interese xeral coma este". Así de contundente se manifestou este mércores a cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, no mitin que se celebrou na Alameda de Marín.
A nacionalista, acompañada da tamén candidata Davinia Lojo, a voceira municipal Lucía Santos e Tino Iglesias, destacou a necesidade de esixir ao goberno central transferencias para defender os intereses de Galicia e impulsar o seu desenvolvemento económico "ante ao centralismo e a falta de interese dos partidos madrileños pola axenda galega". Neste sentido destacou a diferencia sobre País Vasco e Cataluña, que si teñen incorporado competencias ás súas carteiras.
Da Silva subliñou tamén a necesidade de transferencia da ordenación e xestión do litoral, medidas urxentes como a rexeneración das rías galegas, especificamente a de Pontevedra, e a aposta pola pesca como un sector estratéxico.
“Coidar as nosas rías significa coidar a biodiversidade e o medio pero tamén supón facer unha aposta pola creación de riqueza e de emprego que daría máis futuro a este país", destacou. Insistiu, así mesmo, na alta incidencia do sector pesqueiro dentro do PIB galego e subliñou que é preciso que Galiza teña capacidade propia para negociar os seus intereses –por exemplo, as cotas- en función da súas posibilidades produtivas, "e non en función do equilibrio que as forzas políticas estatais buscan ter con outras zonas do Estado español".
Por todo isto, a candidata nacionalista asegurou na vila do Morrazo que "só da man dun grupo forte do BNG en Madrid se poderán facer valer os intereses da comarca e de todas as galegas e galegos ante o Estado".
"Este 23 de xullo no BNG imos a por todas co obxectivo de ter un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado –declarou-. É o momento de poñerlle solucións aos nosos problemas. A voz que defenderá Galiza sen ataduras é a voz do BNG", concluíu.
Por último, Da Silva lembrou tamén que "o BNG non vai fallar na defensa de Galiza nin na defensa de máis dereitos e liberdades e será un muro de contención para frear esa dereita unida á extrema dereita que quere facernos retroceder. No BNG dicimos nin un paso atrás", indicou.