As novas fases das ARI financiarán proxectos por 4 millóns de euros nos próximos tres anos
Por Alejandro Espiño
Unhas cincuentas vivendas no centro histórico e outras 25 en Estribela. Serán as que se beneficiarán das novas fases que se activarán das áreas de rehabilitación integral destes dous ámbitos urbanos durante os anos 2023, 2024 e 2025.
A Xunta de Goberno municipal aprobou este luns o convenio que regulará a concesión destes fondos económicos para mellorar o estado do parque residencial da cidade.
Aínda que estas axudas vanse a repartir entre os beneficiarios ata o ano 2025, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que "pensamos que podería durar ata o 2026".
Haberá 3.594.166 euros para o centro histórico e preto de 500.000 para Estribela.
De todos estes cartos, case 800.000 serían fondos públicos: 600.000 euros a través do Estado e 154.000 euros do Concello. Desta vez, a Xunta non achega cartos.
O resto deberá ser asumido polos propietarios das vivendas que sexan rehabilitadas.