Bueu, Ponte Caldelas e Vilaboa eliminarán simboloxía franquista en tres lavadoiros
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e do departamento de Memoria Histórica provincial, axudará os concellos de Bueu, Ponte Caldelas e Vilaboa a retirar simboloxía franquista de diferentes construcións no seu espazo público.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita de que esta liña de axudas, que cumpre a súa terceira edición, poida axudar aos gobernos locais a eliminar vestixios contrarios á memoria democrática que estean situados en edificios de carácter público municipal, unha obriga marcada por lei.
Neste sentido, a nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática e facilitar o cumprimento da normativa de Memoria vixente, e para iso tende a man con estas subvencións, dado que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas de simboloxía franquista.
En Bueu retirarase a simboloxía franquista na contorna do lavadoiro do río Novo de Trasouto; en Ponte Caldelas retirarase o alusivo ao franquismo da fonte-lavadoiro da igrexa de Forzáns; mentres que en Vilaboa eliminaranse os vestixios do lavadoiro de Fonte de Casal de Santa.
A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación nas dúas edicións anteriores tiveron tamén relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.
Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal, que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.
DEFENSORAS DE DEREITOS
A Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGDs veñen de recibir o recoñecemento do programa 'Defensoras de dereitos' como boa práctica de educación para a cidadanía global, pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) dentro da segunda convocatoria destinada a iniciativas postas en marcha por entidades locais españolas.