O metal continúa en loita reivindicativa con piquetes en Ence e cortes de tráfico na cuarta xornada de folga
Por Anxo Lourido
A cuarta xornada de folga no sector do metal na provincia continúa sumando un gran apoio por parte dos traballadores, segundo indican os sindicatos convocantes. Ao longo da xornada establecéronse principalmente piquetes no porto de Marín e tamén na entrada da fábrica de Ence en Lourizán.
Desde CCOO sinalan que neste punto se produciron momentos de tensión ao longo da mañá xa que empresas auxiliares procedentes de Portugal e A Coruña tentaban acceder á factoría, ante o piquete despregado e a presenza das forzas policiais.
Anxo Lúa, representante da CIG, sinala que case o 100% dos traballadores secundaba este xoves a convocatoria e que só pequenas empresas de estruturas metálicas e talleres abren as portas á primeira hora para finalmente pechar a instalación cando aparecen os piquetes. "A xente agarda por nós para que poidan parar", sinala o dirixente sindical, "pero non hai ningún tipo de conflito".
Ao mediodía desenvolvíase unha marcha desde Marín ata Pontevedra con cortes de tráfico. A manifestación finalizaba na rotonda de María Vitoria Morena, situada nas proximidades do edificio de Facenda. Alí, os representantes sindicais lembraban a importancia de que non se realicen traballos durante as fins de semana nin horas extra para que o paro siga sendo efectivo ao provocar unha rebaixa na produción para os empresarios.
Sinalan que, polo momento, a distancia entre as partes é moi grande e non se rexistran avances durante as últimas conversacións. Anxo Lúa expón que hai empresas que admiten a subrogación de persoal, como demandan os traballadores, pero parte da patronal négase sen explicar o motivo durante a negociación.
Ao mesmo tempo, no tema salarial seguen considerando que a proposta da patronal é "irrisoria". Insisten en esixir unha subida salarial xusta fronte ao 2% para 2023, o 3% para 2024 e o 3% para 2025 que ofrece a patronal, cunha cláusula de revisión salarial limitada ao 1%. Piden tamén un convenio con melloras laborais, do mesmo xeito que na provincia da Coruña no que lograron reducir tres días de traballo anuais respecto a os que o persoal de Pontevedra realiza.
Se non se rexistran avances durante os próximos días están previstas dúas novas xornadas de folga para o xoves 6 e o venres 7 de xullo. Ademais, UXT, CCOO e CIG tamén anuncian outras dúas novas xornadas no caso de que non se alcance acordo para o 12 e 13 de xullo.