O xefe da Policía Local da Illa de Arousa presenta a súa dimisión
Por Redacción
O oficial Miguel Ángel Varela Tourís dimitiu como xefe da Policía Local da Illa, cargo que estaba a desempeñar desde había 21 anos.
Nun comunicado, Miguel Ángel Varela explica que a súa dimisión débese a que "considero incompatible o exercicio da xefatura ca circunstancia de demandante tras a presentación polo miña parte de sendos recursos no eido contencioso administrativo e social contra o Concello de A Illa de Arousa e contra o recén investido Alcalde".
Eses dous recursos xudiciais foron presentados contra Luís Arousa, cando exercía como concelleiro de Tráfico e Seguridade.
Trátase de reclamacións en relación ao complemento de produtividade aprobado para os membros da Policía Local e pola non convocatoria da Xunta Local de Seguridade. Outra demanda foi presentada pola vía social por incumprimento do deber de protección da saúde e prevención de riscos laborais.
"Ao tratarse dun posto de libre designación na que a relación debe sustanciarse na confianza considero que a actual situación ca consabida xudicialización das relacións entre ambos cargos resulta incompatible co mantemento da miña persoa como xefe da policía local, razón pola que decido tomar esta determinación", explica Varela Tourís.
Desde o pasado mes de febreiro, Miguel Varela é o único axente que está operativo na Illa ao cambiar de destino uno dos seus compañeiros e estar o outro de baixa.