Fala a familia afectada pola actitude do párroco de Lérez: "Sentimos un desprezo total do cura falando de política e do aborto no funeral"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
A tensión na parroquia de Lérez aumenta. Máis de cen veciños asinaron un documento de apoio a Carmela Reboreda, a freguesa á que o párroco Pablo Carou negaba a comuñón o martes 27 de xuño durante o funeral de Valentín Carballa Iglesias, coñecido como "Tito". Reclaman a marcha do sacerdote da parroquia polos incidentes rexistrados.
A familia do falecido denunciou a actitude do cura a preguntas de PontevedraViva. Mónica López, viúva de Valentín Carballa, indica que a familia do mesmo xeito que Carmela Reboreda despois do incidente no funeral chegaran a un acordo co vigairo para gardar silencio á espera de que se resolvese a situación. Con todo, as declaracións de Pablo Carou no programa La Opinión en Radio Pontevedra provocaron a reacción da familia que segue sen entender o mal momento que viviron durante a celebración relixiosa: "despois da dor que pasamos pola enfermidade do meu marido, no último momento, na súa despedida, no momento de darlle paz, amor e arroupamento na igrexa... atopamos todo o contrario", sinala Mónica López.
Expón que, durante a homilía do sacerdote, sentiron un "desprezo total" porque se dedicou a falar "de política e do aborto nun funeral, en lugar de falar con agarimo do defunto. Non ten nome, foi unha falta de respecto cara a nós, cara a Carmela e cara a todo o mundo. Unha persoa que ten que dar fe non pode predicar dese xeito. Ten que predicar co exemplo. Doe na alma", sinala a viúva.
Falaron co vigairo Calixto Cobo, que lles prometeu unha repetición do funeral con outro sacerdote. Inicialmente, pedeiulles que acorden a data co párroco Pablo Carou, algo que rexeitou a familia despois da situación que sufriron hai unha semana. Este mesmo martes, finalmente, o vigario anunciou á familia que o funeral vai repetirse este venres ás 20.00 horas no Mosteiro de Lérez oficiado por outro sacerdote.
Jessica Carballa, filla do veciño falecido, lembra que o cura foi quen provocou a situación de tensión na misa e, tras a celebración, quixo falar con el na sancristía sen que mostrase un mínimo de empatía: "díxome que eu non era quen para dicirlle como tiña que ser a homilía" e comenteille que "creo que vostede debe facer exame de conciencia e ver se se equivocou ou non, porque igual dixo cousas na homilía que non se corresponden cun funeral". "Hai un momento de peticións e que minimo que pedir pola familia e polos achegados do defunto", manifestan desde a familia.
Mónica López, viúva de Valentín Carballa: "no momento de darlle paz, amor e arroupamento na igrexa... atopamos todo o contrario"
Demandan unha desculpa por parte do sacerdote aos familiares e a todas as persoas que os acompañaron no acto relixioso. Pasou unha semana desde o funeral e aínda non recibiron ningún tipo de chamada do párroco que, na conversación con Jessica na sancristía, espetoulle: "os teus invitados portáronse mal". A filla do falecido contestoulle: "non son os meus invitados, aquí a xente vén libremente", explicoulle ao que o sacerdote respondeu: "como que non? se a misa é por un familiar teu, son os teus invitados". Ela manifestou que a xente acudira porque se publicou unha necrolóxica e o cura concluíu: "pois non poñades esquelas".
Ante estes reproches continuos e o ton elevado que empregaba o párroco, Jessica comezou a chorar e avanzoulle que falaría co superior eclesiástico. O cura, anoxado, respondeu: "eu creo que a próxima misa que celebres polo teu pai é mellor que vaias a outra parroquia".
A familia móstrase indignada porque o cura insiste en que o defunto non pertence á parroquia a pesar de que parte do grupo familiar está empadroado en Lérez; ademais, Valentín Carballa colaborara en diversas actividades parroquiais, foi presidente da asociación veciñal e da ANPA e tanto a súa muller como a súa filla foron catequistas nesta comunidade.
CARMELA REBOREDA PRESENTARÁ DENUNCIA
Carmela Reboreda, a freguesa que recibiu o rexeitamento do cura no momento da comuñón puxo en mans do seu avogado todo o incidente coa intención de presentar unha denuncia despois de que Pablo Carou dixera en Radio Pontevedra que "eu estou tola. Chamoume tola en La Opinión e que eu tiña ameazado a don Crisanto Rial cando para min a familia Rial é sagrada", indica esta devota que exerceu durante 35 anos de catequista en Lérez ata que o novo párroco o impediu.
"Vou mandar un burofax ao vigairo e ao arcebispado e seguirei adiante ata onde sexa", sentenza ao pedir unha desculpa pública por parte do párroco.
Lembra con tristura o incidente durante o funeral de Tito cando acudiu a comulgar e o cura negoulle a hostia dicíndolle "falas moito en misa e aparte falaste de min". A igrexa estaba ateigada de persoas. "El se vino arriba por iso", argumenta a veciña que recoñece que, ante a negativa do cura, ela explicou que non se movía do sitio ata recibir a comuñón.
Narra que o párroco berrou. "pois agora non dou de comulgar a ninguén", aínda que á freguesa seguinte si lle deu a eucaristía na man. No momento de virar cara a Carmela, que se atopaba alí de pé, o cura e o sancristán entienderon que quería darlle a comuñón e "como dous energúmenos botáronse sobre ela dicindo: <sacrilegio>>". A continuación, segundo a versión da freguesa, o sancristán abriu as mans da muller quitándolle a ostia da man e tirándoa ao chan.
Carmela Reboreda asegura que sempre mostrou o seu interese en colaborar con Pablo Carou e lembra que o seu marido é o que fai todos os recibos do cemiterio de maneira desinteresada. Esta veciña vese apoiada pola súa familia e por máis dun centenar de persoas que demandan o traslado do párroco: "non quero que unha persoa que administra sacramentos sexa tan mentireira. Que credibilidade ten el se eu vou confesarme con el cando está a mentir dicindo que estou tola?".
Esta muller, moi coñecida na parroquia, móstrase desbordada con todo o que está a pasar e quere agradecer a todas as persoas que lle enviaron mensaxes de apoio durante estes días. "Sinto moita dor por todo o que está a pasar", recoñece, "a xente de Lérez estamos moi desgustados. Faremos unha plataforma para tomar as medidas necesarias", avanza sinalando que Carou xa tivo problemas noutras parroquias como Briallos, Barro ou Mourente. "Non queremos a esa persoa na parroquia", conclúe preocupada.
Relacionadas:
-
Cedofeita convida a lembrar oficios tradicionais na mostra aberta na Casa da Cultura de Lérez
Por Anxo Lourido |
-
San Bieito de Lérez esgota as botellas de aceite milagreiro ante a demanda de milleiros de devotos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O novo cura de Lérez nega a comuñón a unha devota nun funeral e causa un cisma na parroquia
Por Anxo Lourido |