Detido un vigués que protagonizou un altercado nun bar, esnaquizou un vehículo policial e ameazou os axentes: "os voy a matar"
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detivo na tarde deste luns a un veciño de Vigo que primeiro protagonizou un altercado nun bar, logo resistiuse á detención, agrediu os policías e, cando o arrestaron, causou danos no vehículo policial e ameazou aos axentes.
Todo ocorreu sobre as 19.10 horas deste luns 3 de xullo na avenida de Andurique e o detido é un veciño de Vigo de 31 anos que conta con numerosos antecedentes. Estaba baixo a influencia do alcol e doutra substancia non detallada.
Os policías recibiron unha chamada telefónica que alertaba de que un home estaba a alterar o normal funcionamento dun bar, no que estaba a beber alcol e non quería abonar a consumición.
Unha patrulla de Policía Local acudiu ao local e atopou ao citado individuo nun estado de alteración grave. Ao velos chegar, empezou a insultar os axentes e negouse a identificarse. Ademais de desobedecer aos axentes da autoridade, increpounos e agrediu a un deles.
Chegou ata o lugar unha segunda patrulla como reforzo e trataron de que se tranquilizase porque estaba nun estado moi agresivo. Volveu acometer contra os axentes e rompeu as lentes a un deles, polo que foi detido coa colaboración dun policía de Sanxenxo fóra de servizo polos delitos de atentado a axente da autoridade, resistencia grave, desobediencia e desordes públicos, lesións e danos.
Xa dentro do coche patrulla, comezou a golpearse a cabeza e deu patadas contra os portelos do vehículo con gran forza, rompendo os dous portelos traseiros.
Os axentes tiveron que inmobilizalo novamente para que non se fixese dano nin esnaquizase o vehículo policial e pediron que acudise ao lugar unha ambulancia para que o atendesen. Os médicos administráronlle dous calmantes intravenosos.
Durante o tempo no que permaneceu engrilletado, o home repetía constantemente ameazas e insultos aos axentes, tales como "soy boxeador profesional y os voy a matar".
Estes feitos ocorreron primeiro dentro do local e logo na rúa, xerando o interese dunha multitude de persoas e creando unha grave alteración da orde.