Acreditación de excelencia nacional para o Servizo de Alergoloxía do Hospital Provincial
Por Redacción
A Unidade de Inmunoterapia do servizo de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu a acreditación de excelencia nacional que outorga a Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunología Clínica - SEAIC -.
Con este distintivo recoñécese a atención clínica que reciben os pacientes de Pontevedra e O Salnés a través do Hospital Provincial de Pontevedra onde se alberga este servizo de tratamento con inmunoterapia específica con alérxenos.
A Unidade de Inmunoterapia está coordinada pola doutora Celsa Pérez Carral e levan tempo traballando para lograr esta acreditación que implica o cumprimento de requisitos relacionados coa posta en práctica de diversas técnicas. Tamén se avalía a autonomía da unidade para realizar probas propias, entre outras cuestións.
"Este recoñecemento é un indicador de que estamos na vangarda asistencial no diagnóstico e tratamento destas patoloxías e supón unha validación ao noso traballo de equipo", afirma Pérez Carral. A acreditación certifica que a unidade participa en ensaios clínicos e mantén un estreito contacto coa rede de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para resolver as dúbidas relacionadas cos tratamentos de alerxias.
A inmunoterapia específica con alérxenos constitúe na actualidade o único tratamento etiolóxico dispoñible que logra cambiar o curso natural dalgunhas enfermidades alérxicas.
A utilización da historia clínica electrónica, segundo informan desde a área sanitaria, permite elaborar unha base de datos aos que teñen acceso informático os facultativos integrantes desta Unidade. Desta forma, teñen a posibilidade de acceder de maneira inmediata a toda a información actualizada relacionada coa inmunoterapia que se pauta a cada paciente.