Maica Larriba advirte do perigo dunha regresión a un pasado "no que estas agresións e os asasinatos de mulleres considerábanse un problema privado"
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba advertiu este xoves do "perigo que supón o discurso que dilúe a violencia de xénero na intrafamiliar", asegurando que supón "unha regresión a un pasado no que estas agresións e os asasinatos de mulleres considerábanse un problema privado".
A subdelegada sinalou que "estes discursos que na actualidade se escoitan desde certos partidos e posicións ideolóxicas cuestionan un Pacto de Estado, o que existe contra a violencia de xénero, e fan perigar a toma de conciencia colectiva que supuxo a Lei de 2004".
Maica Larriba fixo estas declaracións na inauguración da xornada formativa sobre a dispensa no deber de declarar para as vítimas de violencia de xénero, que tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno.
A formación, impartida pola fiscal responsable de violencia de xénero no partido xudicial de Redondela e Vigo, Paula Blasco, enmárcase no ciclo formativo que se desenvolvendo desde o pasado día 25 de novembro sobre os diferentes aspectos técnicos para dar resposta á violencia de xénero.
A subdelegada lembrou que o modelo xudicial español é pioneiro na abordaxe da violencia de xénero e na protección das súas vítimas e que unha das medidas pensadas con este fin é a dispensa na obrigación para declarar que o sistema legal lles recoñece ás vítimas de violencia de xénero en España.
Maica Larriba puxo en contraposición os avances na protección ás vítimas de violencia machista "con medidas específicas de protección e atención como a que hoxe tratamos, coas épocas nas que nin sequera se tiña constancia da magnitude dun problema que hoxe, sabemos, é perentorio".
"Ata hai dúas décadas a violencia machista reducíase a cousas de parella, a asuntos privados, a crimes pasionais ou, como escoitamos recentemente, a divorcios duros, pero desgraciadamente, as máis de mil mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas desde 2003 evidencian que a violencia machista é unha secuela que excede calquera ámbito privado", engadiu.