A Xerencia da área sanitaria promete cobertura de atención por Matrona no centro de saúde de Moraña
Por Redacción
José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, acompañado pola directora de Atención Primaria, Marta Ocampo, mantivo un encontro no Hospital Provincial durante este venres con José Luis Gómez, novo alcalde do Concello de Moraña e coa tenente de alcalde Luisa Piñeiro.
Durante a reunión, os representantes sanitarios destacaron os esforzos organizativos que se desenvolven para dar continuidade ás coberturas das baixas de profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria no centro de saúde de Moraña.
Neste mes de xullo dispoñerase de atención médica durante as tardes cun facultativo, ademais dun reforzo cun segundo médico ao longo de dúas tardes á semana.
En agosto, a Xerencia ten intención de manter a consulta de Medicina Familiar durante a mañá e a tarde, complementando a atención de Enfermería, persoal de servizos xerais (PSX) e a atención pediátrica con referencia no centro de saúde de Caldas de Reis.
Flores tamén explicou que se traballa en programar novidades para outubro coa intención de establecer a cobertura de atención por Matrona ao centro de saúde de Moraña, prestación que actualmente se efectúa de forma temporal no centro de saúde de Lérez en Pontevedra.
Tamén se tratou cos dirixentes locais, a previsión da Xunta de Galicia de ampliar a superficie do centro de saúde de Moraña. Pasará dos actuais 400 metros cadrados a preto de 1.000. Crearase unha nova consulta de medicina xeral, unha nova consulta de docencia para os médicos residentes, unha sala polivalente e outra de técnicas no piso principal.