"Queremos que Marina siga sendo titora das nosas crianzas", berro reivindicativo no colexio Manuel Vidal Portela
Por Redacción
Familias con escolares da aula de 5ºB de educación infantil no CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra iniciaron unha campaña ante a previsión da Consellería de Educación de suprimir unha praza de mestra de educación infantil neste centro escolar de Pontevedra. As persoas afectadas entenden que esta decisión provocaría que crianzas que contaron coa titora Marina Garrido os dous últimos cursos non poidan completar a súa formación con ela no último ano do ciclo de educación infantil.
Por este motivo, estes familiares decidiron iniciar unha campaña para recoller sinaturas en Change.org coa intención de que estes 17 escolares con necesidades específicas moi diversas continúen recibindo clase por parte desta educadora.
As familias presentaron un escrito na Xefatura Territorial da Consellería de Educación e na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa de Pontevedra, pero aseguran que, ata o momento, seguen sen resposta.
Sinalan que, neste momento, teñen a incerteza de quen será a titora deste grupo durante o próximo curso académico, en 6º de educación infantil.
Aseguran tamén que Marina Garrido Eirín presentaba un alto nivel de cohesión e unha evolución moi favorable nas capacidades de integración e socialización destes menores. Reclaman á Consellería de Educación que teña en conta criterios pedagóxicos para evitar esta decisión.
Estas familias explican que a profesora como titora desenvolveu durante dous anos un gran traballo atendendo á discapacidade da área de linguaxe que existe no grupo; o traballo en equipo e a integración dunha situación de discapacidade dentro do grupo, a través de recursos efectivos como o xogo e a cooperación para fomentar a comunicación.
Denuncian a falta de previsión organizativa por parte da Consellería de cara ao próximo curso ao non poñer en marcha medidas para captar máis matrículas sabendo que as condicións do ciclo esixían a supresión dun posto de traballo. Tampouco, sinalan, avisaron á docente para que puidese pechar o seu traballo e preparar aos escolares para a substitución na titoría.
Ante esta situación, piden unha solución organizativa que permita manter a Marina Garrido como titora e que se teña en conta que as nenas e nenos do grupo, de 4 e 5 anos, están nunha idade moi temperá para perder a súa titoría. Temen que a adaptación a outra persoa que desempeñe ese papel supoñerá un "duro golpe" para este grupo de menores.