Un músico pontevedrés reclama o Sergas unha operación no oído para poder traballar: "nin sequera estou nunha lista de espera"
Por Cristina Saiz & María José Pita
"Calquera ruidiño, como unha moto que pasa, é como se me estouparan os miolos. E xa tocar a gaita, nada, que é como eu gañaba os meus cartos. Porque a miña formación é historiador pero o meu xeito de vida é a música e o tiven que deixar".
Esta é a maneira en que Xerardo Torrado describe os síntomas que lle provoca unha lesión no oído. A esta hiperacusia únese un molesto acúfeno. "Un acúfeno é tanto un pitido insignificante, que pensas outra cousa e te olvidas, como un ruxido, e eu che aseguro que o meu é como un ruxido, unha lavadora centrifugando alí todo o tempo", aclara.
Este pontevedrés leva un ano e medio de consulta en consulta sen que o Sergas lle dea unha solución. Quere facer público o seu caso despois de que lle suspendesen sin explicación a realización dunha proba e poñer varias reclamacións ante a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sen resposta. Neste momento asegura atoparse nun limbo. "Se estivera esperando nunha lista de espera, pois espero, pero é que nin sequera estou nunha lista de espera para operarme".
A operación á que se refire é a posibilidade que lle ofreceu o especialista. "Dixéronme na Seguridade Social que o meu é operable porque nos adultos o tímpano unha vez perforado non pecha só. Dinme isto pero non me operan. Tamén me dixeron que podo quedar peor". E neste último punto cre Xerardo que pode estar a clave para que dende o Sergas non acaben de autorizar esta operación. Con todo, pide que non esquezan o seu caso. "Que me miren e valoren e se hai posibilidade de operar, que mo fagan xa", insiste.
O seu problema de saúde comezou en febrero de 2022. "Fai ano e medio empecei a notar molestias no oído e botei unhas gotas sen receita médica e con esas gotas debín perforar o tímpano. Ao día seguinte, tiña o tímpano como encharcado, metinme un bastonciño de limpar os oídos e xa o saquei cheo de sangue. Ese mesmo día fun a Urxencias, déronme paracetamol e xa está. Días despois fun á miña médica de cabeceira e díxenlle que tiña que verme un otorrino dun xeito urxente, contestoume que si, e cando fun sacar o número me tocaba en xuño".
Na cosulta co otorrino, este confirmoulle que tiña o tímpano perforado. "Mandoume botar unhas gotas pero eu creo que o fastidaron máis. Eu díxenlle que co tímpano perforado entendía que non se podían botar gotas e díxome 'quen é o especialista vostede ou eu?' E entón boteinas. Eu creo que se perxudicou a cousa porque non mellorei".
Desesperado ante o retraso no diagnóstico, comezou unha peregrinaxe por médicos privados. "A unha das privadas que fun, que tamén traballaba na pública, díxome: 'voute a ver na pública', e na pública foi quen logo me dixo que 'operar podemos operarte pero igual quedas peor'. Por min que me operen, eu creo que peor é moi difícil".
Son latigazos de dor no oído, moito ruído, unha presión tremenda
Estes síntomas aos que se refire tradúcense en "moita dor, e ademáis perdo o equilibro, son latigazos de dor no oído, moito ruído, unha presión tremenda como se te meteran unha agulla polo oído, e me caio".
Tras 30 anos tocando a gaita no grupo Os Alegres, este padecemento estalle a impedir a Xerardo adicarse á música, o seu xeito de vida. Por iso non está a cotizar e atópase limitado, vivindo cos seus pais e dependendo da súa tarxeta sanitaria.
É consciente de que a súa doenza non é das máis graves, pero sen dúbida réstalle calidade de vida. "O tímpano perforado non é unha patoloxía, é unha lesión", sinala. E precisamente pola pouca complexidade do caso non entende como non se considera facerlle unha operación sinxela para aliviar o seu sufrimento. Tampouco lle cadra que lle dixese o médico na útima consulta que "o tímpano pechou, que é raro porque antes me dixeron eles mesmos que non podía pechar por si só, que pechaba só nos nenos pero nos adultos non". E xa para máis despropósitos, cítanlle para facer unha proba en Montecelo e, cando agardaba para entrar, un sanitario dille que "non é necesario que fagas a proba".
Presentou ata cinco reclamacións en Atención ao Paciente e ningunha foi contestada
Previo a denunciar o seu caso a través de PontevedraViva, Xerardo Torrado presentou desde marzo de 2022 ata cinco reclamacións en Atención ao Paciente do Sergas e ningunha foi contestada. "O que escribín en todas as reclamacións que lle fixen ao Sergas é que me tomen en serio. Fun cinco veces a Urxencias no último ano e non me toman en serio. A última vez que fun, por outro motivo, o que me dixeron é que tome vostede Alprazolam, que é un ansiolítico, estanme tratando como se fora un ataque de ansiedade e eu só reclamo o meu dereito á asistencia sanitaria".
Para facer valer o seu dereito, "como non teño moitos recursos, solicitei unha avogada de oficio e ma concederon". Seguindo os seus consellos, elevará a súa reclamación directamente á Consellería de Sanidade. Ademais, conseguiu tralo primeiro contacto coa letrada que o Sergas se manifestase. "Cando lles chega información dunha instancia previa dunha denuncia, entón si me contestaron en menos dunha semana que o que fan é o mellor para min segundo a praxis médica, polo menos é algo". En paralelo, a súa reclamación tamén foi admitida ante a Valedora do Pobo.